Imprimir

O Goberno Local mobilizará máis fondos contra a Covid-19 e adiantará as axudas ás entidades, como propuña o BNG

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 29 de abril de 2020

O Goberno Local vai reasignar partidas por un valor de entre 13 e 14 millóns de euros dos orzamentos 2020 para combater os efectos da pandemia da Covid-19, segundo informou hoxe aos grupos municipais na Comisión de Facenda. A estratexia a seguir será a de recorrer á baixa de créditos de difícil execución e tamén ao remanente de exercicios anteriores.

Isto supón un incremento moi significativo a respecto das previsións que manexaba o Executivo coruñés e que se apuntaran na anterior Comisión de Facenda. Daquela barallaba o escenario de mobilizar 6 millóns de euros, cantidade que o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, considerou francamente insuficiente.

O Goberno Local vai tamén anticipar 90 por cento das subvencións ás entidades sociais que teñen suscrito un convenio co Concello, na liña do demandado este mesmo luns por Francisco Jorquera na Xunta de Portavoces.

"Valoramos, por tanto, como pasos positivos os que anuncia hoxe o Goberno Local. O Concello ten que ter un papel protagonista na reactivación da economía e na protección dos sectores sociais máis vulnerábeis", dixo Jorquera.

Na Comisión de Facenda tamén se abordou a situación dos autónomos, das pemes, comercio, hostelaría e cultura -o BNG ten feito propostas para protexer especialmente estes sectores-, ao tempo que, tal e como igualmente demandara Francisco Jorquera, se estudou a posibilidade de reforzar o persoal dos servizos sociais e o de promoción económica e emprego, básicos para enfrontar as consecuencias sanitarias, mais tamén socio-económicas da pandemia.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goberno-local-mobilizara-mais-fondos-covid-19-adiantara-axudas-entidades-como-propuna-bng/20200429145048008553.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal