Imprimir

Villoslada avanza que tratará o asunto do núcleo de Elviña afectado polo Ofimático nunha vindeira Comisión de Urbanismo

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 14 de maio de 2020

A concelleira do BNG Avia Veira inquiriu esta tarde ao responsábel de Urbanismo do Goberno Local, Juan Díaz Villoslada, sobre cando pensa cumprir o executivo coruñés o compromiso ao que chegou coa formación nacionalista no Acordo de Mandato en relación coa veciñanza afectada polo Parque Ofimático.

Naquel acordo, que fixo viábel a investidura de Inés Rey, o grupo socialista que dá soporte ao Goberno Local comprometeuse a dar paso a unha desafectación ou a un acordo urbanístico equivalente sempre desde o consenso coa veciñanza.

“Hai xa practicamente un ano daquel acordo e que nos conste o Goberno Local non deu ningún paso práctico para o cumprir”, afirmou no Pleno Avia Veira. “As veciñas están desesperanzadas, pero non por iso van deixar de reclamar os seus dereitos”, remarcou. 

“A veciñanza vive unha situación ilóxica. Non é racional que tras unha operación urbanística haxa persoas que fiquen sen a súa casa, cuns dereitos de construción que nalgún caso nin queren nin van poder executar nunca, e nalgúns casos cun terreo para presuntamente levantar unha casa, mais sen cartos para o facer e cunha débeda inmensa coa administración”, relatou.

A reclamación da veciñanza xúlgaa “máis que xusta” a concelleira nacionalista. “Non é desexábel para ninguén atoparse durante 10 anos na incerteza máis absoluta a respecto da túa propia vivenda e con sucesivos gobernos que non deron solución a esta situación, cando non desafiuzaron a unha familia para deixar un campo libre e non facer absolutamente nada con ese terreo”, denuncia.

Na súa resposta, Villoslada comezou por admitir o compromiso contraído polo PSOE co BNG en relación a este asunto, mais ao tempo dixo que “hai algún acordos que poden avanzar máis que outros, en función do maior ou menor grao de complexidade”.

“Temos que analizar esta cuestión desde unha perspectiva gradual”, dixo Villoslada, para quen o primeiro ten de ser “rematar a aprobación definitiva do proxecto de urbanización”.

“Cómpre rematar a operación xurídica para adaptar a reparcelación que se aprobara na modificación puntual do plan parcial de 2014. Unha vez normalizado todo ese sector trataríamos de ver a posibilidade de desafectación ou doutra figura similar que puidera facer un tratamento específico dese núcleo de Elviña”, concluíu.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goberno-local-avanza-ao-bng-tratara-asunto-do-nucleo-elvi/20200514194127008573.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal