O Goberno do Sr. Negreira impide a conexión por bus de Novo Mesoiro co Chuac

O Goberno do Sr. Negreira impide a conexión por bus de Novo Mesoiro co Chuac

A Coruña, 31 de xaneiro de 2014- En resposta a unha batería de preguntas do Grupo Municipal do BNG, presentadas a instancias da AVV de Novo Mesoiro, o Goberno do Sr. Negreira rexeita a conexión directa por autobús do barrio de Novo Mesoiro, Mesoiro e Feáns co co Campus de Elviña, Espacio Coruña, Matogrande, Teresa Herrera e co Chuac. Na resposta, o Goberno do Sr. Negreira reduce a conexión en bus destes barrios ao transbordo entre liñas, “mediante o sistema de transbordo é posíbel desprazarse a calquera outro punto da cidade”.

Deste xeito, o Goberno do Sr. Negreira renuncia a modificar o servizo deficitario que a Compañía de Tranvías presta en Novo Mesoiro, un barrio no que viven ao redor de 10.000 persoas e que conta tan só cunha liña, a 21, que resulta claramente insuficiente. Os veciños e veciñas reclamábanlle ao Sr. Negreira unha nova liña que unise Novo Mesoiro e o CHUAC, pasando por Feáns, Mesoiro, Campus de Elviña, Espacio Coruña, Matogrande e polo Teresa Herrera. A demanda da veciñanza é relevante na medida en que Novo Mesoiro carece de servizos médicos de urxencia en horario de tarde, un servizo co que conta o Centro de Saúde de Matogrande.

O PMUS non aposta polo transporte público

Na resposta á pregunta, o Goberno municipal alude ao PMUS como escusa para non dotar a Novo Mesoiro da liña requirida polos veciños e veciñas. Conclúe a resposta recomendándolle ao Bloque a lectura do PMUS, un plan que non aposta polo transporte público e que unicamente é un plan para a xestión do tráfico privado por estrada. Precisamente, as nacionalistas cualifican de despropósito que a única medida para a reordenación da rede de autobuses urbanos que recolle o PMUS sexa a implementación dun Plan de Calidade na Compañía de Tranvías. Lembra o Bloque que a diagnose do PMUS recoñece que o deseño da rede de autobuses é unha das cuestións peor valoradas do transporte público urbano.

As nacionalistas pregúntanse por que o Goberno do Sr. Negreira non emprega a matriz orixe/destino -recollida na diagnose do PMUS- que alude a todos os desprazamentos internos na cidade entre os diferentes distritos nun día laborábel medio e para todos os medios de transporte. Para o BNG da Coruña, ten máis sentido facer unha modificación das liñas de autobuses respondendo ás necesidades de desprazamento da veciñanza que non atender unica e exclusivamente a un Plan de Calidade da Compañía de Tranvías.

O Goberno do Sr. Negreira impide a conexión por bus de Novo Mesoiro co Chuac