Imprimir

O Goberno do Estado non contempla a reversión da venda dos dous soares do Campo da Estrada

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 17 de abril de 2020

A venda dos dous soares do Campo da Estrada por parte do INVIED a un promotor privado, contra o desexo do Pleno do Concello da Coruña que reiteradamente ten solicitado a súa cesión gratuíta á administración local, non vai ser revertida, segundo se tira do texto da resposta que o Goberno do Estado dá a unha pregunta por escrito formulada polo deputado do BNG Néstor Rego.

O Goberno do Estado reitera a súa tese xa coñecida: a de que o estatuto do Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) impídelle transferir de maneira gratuíta os bens desafectados que recibiu do MInisterio de Defensa.

Na pregunta, Néstor Rego interesábase por saber se o Goberno estaba disposto a "esgotar os mecanismos ao seu alcance" para reverter a venda e ceder os soares de maneira gratuíta ao Concello da Coruña. O Executivo estatal dá a calada por resposta, cando en realidade si existen eses mecanismos. O INVIED pode ceder os bens a outro organismo estatal (e este transferilos ao Concello da Coruña) ou ben o Congreso pode aprobar unha lexislación especial (como se fixo no caso do Castelo de Montjuïc en Barcelona) para permitir a cesión de balde a unha administración local.

O problema, como ten sinalado o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera, non é xurídico, senón de "vontade política" e o que se conclúe da resposta do Goberno é que este carece da necesaria disposición para dar cumprimento aos reiterados pronunciamentos do Concello da Coruña a prol da devolución gratuíta dos soares, entre eles unha moción do BNG, formulada conxuntamente coa Marea e que daba traslado a unha iniciativa de Defensa do Común, un texto aprobado por unanimidade polo Pleno da Corporación o pasado mes de novembro.

O problema, como ten sinalado o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera, non é xurídico, senón de "vontade política"

En todo caso, se se situar a cuestión en termos xurídicos o Goberno podería tamén impulsar unha reforma da lexislación vixente, como lle suxire no texto da pregunta Néstor Rego. Tampouco sobre este asunto se pronuncia o Executivo na súa resposta.

Néstor Rego preguntaba tamén directamente ao Goberno se o Concello se dirixiu a el para lle solicitar formalmente a devolución gratuíta dos soares. A este respecto, o Executivo indica que "no expediente administrativo da propiedade obxecto da pregunta non existe ningunha solicitude formal de compra por parte do Consistorio de A Coruña", unha resposta que non dá satisfacción á pregunta, pois o deputado do BNG non inquiría sobre unha oferta de compra, senón sobre a petición da reversión de balde ao Concello dos soares, que é exactamente o que pide o Pleno da Corporación.

No último parágrafo da resposta o Goberno afirma que ten disposición a "encontrar unha solución que satisfaga os intereses da cidadanía e partes implicadas", mais é unha declaración retórica que até o de agora non encontra respaldo nos seus feitos e que se contradí coa defensa que fai o Executivo da actuación do INVIED.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/goberno-do-estado-non-contempla-reversion-da-venda-dous-soares-do-campo-da-estrada/20200417121451008543.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal