PREGUNTAS ORAIS

A falta de case 2 meses aínda non sabemos que pasará coa concesión que caduca de Tranvías

Bus da Compañía de tranvías realizando parada en Porta Real
Bus da Compañía de tranvías realizando parada en Porta Real

Queremos que o Goberno da Marea Atlántica explique que proxecto ten para o transporte colectivo urbano a tan só 2 meses de que expire a prórroga da concesión á Compañía de Tranvías

Despois de dous anos, e despois das múltiples interpelacións que fixemos ao longo deste tempo, o Executivo segue sen aclarar o futuro dun servizo que é fundamental no día a día das persoas na nosa cidade e sen concretar cuestións clave en mobilidade: seguimos sen o reiteradamente prometido mapa de rutas, seguimos con 0 metros de carril bus, seguimos sen saber se canto menos se valorou a posibilidade de que a xestión do bus puidera ser pública etc. Moito nos tememos que todo seguirá igual e, o que será peor, durante meses o Concello da Coruña pagará cuantiosamente de xeito irregular as facturas que a Compañía de Tranvías lle traslade por un servizo fora de contrato

Neste Pleno do luns tamén realizaremos preguntas para a súa resposta oral a respecto dos orzamentos municipais de 2019

Por último queremos que se explique que entende o alcalde por “responsabilidade institucional” a respecto dos convenios urbanísticos asinados co Ministerio de Defensa e non aos relativos á reordenación dos peiraos interiores de 2004

A falta de case 2 meses aínda non sabemos que pasará coa concesión que caduca de Tranvías

O noso Grupo Municipal adiantou as que serán as súas preguntas para resposta oral no Pleno do Concello da Coruña que se celebrara este luns.

Deste xeito, na súa primeira interpelación, preguntaremos ao Goberno local sobre a situación, a esta altura, do novo contrato que debe entrar en vigor a partir do primeiro de decembro do transporte colectivo urbano na cidade.

A Xunta de Goberno do 28 de novembro de 2016 resolveu aprobar a caducidade do contrato do transporte colectivo en aplicación do Regulamento (CE) 1370/2007 desde o 1 de decembro dese mesmo ano, ao tempo de aprobar unha prórroga de 2 anos na concesión á propia empresa concesionaria, a Compañía de Tranvías, tempo no que, segundo o propio Goberno municipal, se elaboraría un novo contrato cunhas novas condicións e cuns novos termos que redundarían en beneficio da mobilidade da nosa cidade.

Sen embargo, despois de dous anos, e despois das múltiples interpelacións que fixemos ao longo deste tempo, o Executivo segue sen aclarar o futuro dun servizo que é fundamental no día a día das persoas na nosa cidade e sen concretar cuestións clave en mobilidade: seguimos sen o reiteradamente prometido mapa de rutas, seguimos con 0 metros de carril bus, seguimos sen saber se canto menos se valorou a posibilidade de que a xestión do bus puidera ser pública etc. Moito nos tememos que todo seguirá igual e, o que será peor, durante meses o Concello da Coruña pagará cuantiosamente de xeito irregular as facturas que a Compañía de Tranvías lle traslade por un servizo fora de contrato.

Queremos, por tanto, que a Área de Mobilidade Sostíbel explique publicamente o por que da súa inacción continuada e que se fagan as aclaracións correspondentes a respecto do moi probábel pago fora de contrato que a partir do mes de decembro do servizo urbano de transporte colectivo cando houbo un período de dous anos para preparar calquera proposta de nova licitación.

Avia Veira e Manel Méndez presentando as emendas aos orzamentos do Concello de 2018

Orzamentos municipais 2019

A segunda pregunta que trasladamos é referida á proposta de orzamentos municipais para 2019.

Neste sentido, hai que lembrar que o ano pasado, a 23 de decembro, e fora do horario laboral do persoal funcionario, o Executivo da Marea Atlántica deu traslado da súa proposta de orzamentos para este ano depositando nas dependencias que a Policía Local ten no edificio do Concello en María Pita un dispositivo “pen” cos distintos arquivos informáticos, convocando para o 28 de decembro o Pleno para a súa aprobación inicial.

Gustariamos que este ano a proposta que o Goberno municipal queira aprobar sexa trasladada cos debidas garantía para que puideramos estudala de xeito que gocemos do tempo suficiente como para realizar achegas de xeito pormenorizado e razoado. E, asemade, tamén gustariamos que se formule esa proposta de orzamentos coa intención de que as achegas que se puideran facer foran tidas en conta e negociadas. Pola nosa parte, e como en anos anteriores, as nosas achegas sempre pretenderán mellorar os orzamentos, mais sempre nos atopamos con que o Executivo local estivo máis pendente de culpabilizar á oposición de non colaborar e asumir un papel victimista  que de sentarse a construír propostas en común.

Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria

A “responsabilidade institucional” a respecto dos convenios urbanísticos

Por último,  tamén queremos que se explique que entende o alcalde por “responsabilidade institucional” a respecto dos convenios urbanísticos asinados co Ministerio de Defensa e non aos relativos á reordenación dos peiraos interiores de 2004.

Neste caso, en plena polémica sobre a condonación de 350 millóns de euros ao Consorcio Valencia 2007 e a situación dos peiraos interiores, queremos que o Executivo aclare a súa posición tras as constantes contradicións que distintos membros da Marea Atlántica está a amosar en público sobre a cesión de balde dos terreos portuarios, que se demande que o financiamento do Porto Exterior corra a cargo dos orzamentos do Estado, e que por fin o Goberno municipal exerza o liderado neste asunto que agora mesmo está a ser levado por entidades e organizacións sociais.

A Coruña, 8 de setembro de 2018.

A falta de case 2 meses aínda non sabemos que pasará coa concesión que caduca de Tranvías