UN ARTIGO DE FRANCISCO JORQUERA

A Coruña necesita o cambio na Xunta como a que máis

Jorquera en María Pita
Reproducimos a seguir a nova entrega da serie de artigos do noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera, nas páxinas de Opinión de El Ideal Gallego.
A Coruña necesita o cambio na Xunta como a que máis

Esoutro día dixen nunha radio, en ton de brincadeira, que ficaba moi agradecido ao señor Urkullu por ter convocado eleccións en Galiza. Era broma, mais a medias, porque en realidade o presidente da Xunta chamou as urnas no noso país para o 5 de abril xusto despois de que en Euskadi fixese o propio o lehendakari. O episodio servía para poñer en evidencia até que punto a palabra política de Feixóo apenas ten valor, porque só uns días antes anunciara con toda solemnidade que a data das eleccións se decidiría en Galiza sen ningún tipo de interferencia allea. Chove sobre mollado: en todas e cada unha das ocasións (catro!) en que coincidiron os comicios vascos e os galegos, Feixóo foi a rebufo do Goberno vasco á hora de os convocar.

Pois si, fico obrigado ao señor Urkullu porque, ao desencadear o adianto das eleccións na Galiza, avanzou tamén o momento en que se vai materializar o cambio político que este país necesita como auga de maio. Este país e esta cidade. Porque A Coruña necesita o cambio na Xunta como a que máis.

En todas e cada unha das ocasións (catro!) en que coincidiron os comicios vascos e os galegos, Feixóo foi a rebufo do Goberno vasco á hora de os convocar

Para xustificar a súa pretensión de prolongar catro anos máis a súa década de goberno, Feixóo argumenta que o PP é un partido de comportamento previsíbel. Pois si, xa sabemos o que podemos agardar do PP: a inacción total e absoluta, a falta dun proxecto para Galiza, os recortes dos servizos públicos, o triunfo da propaganda sobre a realidade, os ataques á cultura e á lingua do país... 

Mais a boa noticia é que, tanto en Galiza como na Coruña, no seo da sociedade hai un desexo moi maioritario de mudanza e ese cambio é, na perspectiva do 5-A, máis que probábel. Trátase agora de transformar esa maioría social en maioría electoral e en maioría de escanos. E aquí a clave está en que haxa unha grande mobilización do electorado que quere outro futuro para o país. Se votamos en masa teño a convicción de que poremos fin a unha época que a historia, estou certo, xulgará con severidade.

Dixen antes que A Coruña necesita o cambio como a que máis. Se teñen algunha dúbida ao respecto, boten un ollo aos orzamentos da Xunta para 2020, e neles verán que o investimento per cápita na nosa cidade está xusto na metade da media galega. Ese é o compromiso do PP e de Feixóo coa Coruña. E o previsíbel é que ese compromiso non vai mudar no futuro.
Para concluír, farei un breve apuntamento sobre como afrontamos desde o BNG a nova cita electoral. Facémolo dobremente ilusionados porque encaramos estas eleccións nun momento excelente, como unha forza emerxente tal e como sinalan as sondaxes, e presentámonos a esta altura cos deberes feitos, coa nosa candidata xa electa, unha Ana Pontón que, segundo os inquéritos, é a líder galega mellor valorada.

Dixen antes que A Coruña necesita o cambio como a que máis. Se teñen algunha dúbida ao respecto, boten un ollo aos orzamentos da Xunta para 2020, e neles verán que o investimento per cápita na nosa cidade está xusto na metade da media galega

Aspiramos a liderar ese cambio que Galiza e A Coruña necesitan. En todo caso, non hai tempo que perder e de aquí ao 5-A imos traballar duro para estar á altura das arelas da maioría social galega e coruñesa. Volvo ao principio: grazas, señor Urkullu, por, máis unha vez, marcarlle o camiño ao aínda presidente da Xunta.
 

A Coruña necesita o cambio na Xunta como a que máis