Imprimir

A Comisión de Facenda non aclarou as demandas de concreción do BNG a respecto dos Orzamentos

BNG da cidade da Coruña | 22 de marzo de 2016

A Coruña, 22 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG sinala, tras a reunión da Comisión de Facenda desta mañá, que aínda seguen sen aclararse as dúbidas sobre o proxecto de orzamento que se presentará para o seu debate no Pleno.

O BNG sinala que a reunión de hoxe non serviu para aclararlle as dúbidas que aínda existen sobre a proposta de orzamentos

A 2ª fase do corredor de Novo Mesoiro ou o mercado de Monte Alto concrecións que demanda o BNG

E é que as nacionalistas subliñan que seguen sen que se lles concrete cales das súas achegas van ser incorporadas nas partidas xerais e que no seu momento foron cualificadas polo Executivo local como “propostas concordantes” e polas que amosaron a súa disposición a incorporar ao documento final.

Neste sentido o Bloque pon como exemplo as súas propostas de actuación para a 2ª fase do corredor de Novo Mesoiro ou para o mercado de Monte Alto, e demandan do Goberno municipal que deixe de agochalas nas partidas xenéricas solicitándolle que se especifiquen de xeito diferenciado para que o seu desenvolvemento estea comprometido nos propios orzamentos.

As nacionalistas seguen demandando que se lles indiquen polo miúdo cales das súas propostas de actuación, como por exemplo a 2ª fase do corredor de Novo Mesoiro ou o mercado de Monte Alto, van ser desenvolvidas con este orzamento

Por outra banda, as nacionalistas tamén lamentan que na propia reunión de hoxe apareceran até un total de 69 propostas recollidas nun voto particular e que estas non se fixeran durante todo o proceso de negociación. Así, desde o Grupo Municipal do BNG lembran que xa van para catro meses desde que se comezou a falar da elaboración dunha proposta de orzamentos e que foi precisamente o BNG, cando as negociacións entre o Goberno municipal e o PSOE racharon, o que chamou a que se realizaran propostas e se elaborara un documento que verdadeiramente apostara por un cambio das políticas na cidade.

Avia Veira: “A respecto das achegas que hoxe se presentaron como voto particular, sorpréndenos que aparezan a estas alturas do proceso e gustaríanos que tiveran sido xa realizadas no tempo das negociacións, algo que si fixo o BNG”

“A respecto das achegas que hoxe se presentaron como voto particular, sorpréndenos que aparezan a estas alturas do proceso e gustaríanos que tiveran sido xa realizadas no tempo das negociacións, algo que si fixo o BNG. Non entendemos porque o PSOE actuou así e con tan pouco tempo de marxe, e estudaremos en profundidade, como non podería ser doutro xeito, as súas propostas e as súas emendas, mais entendemos que se perdeu un tempo precioso e que se podería ter aforrado se no seu día tivesen participado da reunión que o BNG convocou”, conclúe Avia Veira.

 

Artigos relacionados

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/comision-facenda-non-aclarou-demandas-concrecion-do-bng-respecto-orzamentos/20160322183336005888.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal