Imprimir

A comarca sae prexudicada co novo Plano de Transporte da Xunta

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 13 de Xuño de 2018

O noso deputado Luis Bará, no centro da imaxe, acompañado polos representantes do BNG dos distintos concellos da Comarca
O noso deputado Luis Bará, no centro da imaxe, acompañado polos representantes do BNG dos distintos concellos da Comarca

Consideramos que o Plan de Transporte da Xunta non ofrece solucións aos problemas da Coruña e a súa comarca

O noso deputado Luís Bará mantivo unha xuntanza cos edis nacionalistas na comarca para avaliar as eivas do plan impulsado polo PP que afecta gravemente aos concellos.

O noso deputado autonómico Luís Bará mantivo unha reunión de traballo cunha representación dos grupos municipais nacionalistas da nosa comarca para abordar a situación actual no ámbito do transporte público diante da pretensión por parte da Xunta de Galiza, a través da Consellería Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de sacar adiante o denominado “Plan de Transporte Público de Galicia” que pode ter unha especial incidencia nos concellos da área coruñesa.

“O PP pretende con este plan que os concellos pasen a ter que pagar cos seus fondos o 20% dos novos itinerarios metropolitanos, a maiores da subvención que xa afrontan a través da tarxeta metropolitana, tamén do 20%” alertou Luís Bará, quen indicou tamén nesta reunión de traballo que “a maiores, Feixóo pretende que os municipios se teñan que facer cargo da totalidade do custo das marquesiñas, sinaléctica, información e publicidade do transporte público por estrada”.

En opinión do nosos deputado “a situación agrávase para os concellos porque tendo que afrontar novos e cuantiosos custos, o PP descarta que teñan a máis mínima capacidade de decisión no sector, e incluso non contempla a creación dun foro ou organismo que, con carácter estábel, sirva de marco de diálogo e interlocución entre institucións”.

Neste sentido, o concelleiro do BNG con responsabilidades de Goberno na área de Mobilidade de Cambre, Dani Carballada, sinalou que “resulta choqueiro que a conselleira convide a todos os concellos da provincia a unha reunión para escoitar a nosa opinión: trátase dun evento propagandístico e electoralista, non dunha xuntanza de traballo que poida ser operativa e construtiva”. Do mesmo xeito enfatizou que “o Plan que presenta a Xunta do PP deixa claro que non contempla a participación e colaboración cunha futura Área Metropolitana da Coruña, a súa aposta é a de reducir o papel dos concellos ao de meros pagafantas, sen poder efectivo de decisión”.

Tono Chouciño, o noso voceiro en Culleredo, incidiu en que “a Xunta non sabe que dicir da intermodalidade, para eles non existe, ao tempo esquécense de priorizar novas rutas de transporte que circulen polas infraestruturas de recente creación, como a Vía Ártabra, 3ª Ronda ou incluso a AP9, que leva aberta 40 anos e pola que non circula o transporte metropolitano”.

Pola súa banda, o noso portavoz na corporación oleirense, Fran Rei, denunciou que “a Xunta nin está nin se lle espera á hora de plantexar a posibilidade dun transporte na ría que una os principais núcleos de poboación de Oleiros coa cidade da Coruña”. Xustamente a voceira nacionalista en María Pita, Avia Veira criticou “a indefinición da Xunta á hora de abordar a comunicación do aeroporto de Alvedro co transporte público”.

Deste xeito, o propio Luís Bará remarcou que “a Xunta non só non contempla o ferrocarril na súa política de transportes, se non que esquece cuestións de vital importancia, porque literalmente estamos a falar de salvar vidas, para o PP non existe o Noitebús nin os servizos específicos para as necesidades da mocidade, non lles dedica nin unha soa liña nun Plan que non é tal, xa que só aborda, e de xeito parcial, o transporte de viaxeiros por estrada”.

Xa presentamos alegacións ao primeiro documento deste plan impulsado pola Xunta, e consideramos que a Xunta non é consciente da complexidade, casuística e problemática que se dá na Coruña e a súa comarca en materia de mobilidade, por iso son incapaces de artellar medidas reais de carácter estrutural para solventar no medio e no longo prazo os conflitos xerados.

En vindeiras semanas realizaremos unha campaña informativa e de denuncia sobre as intencións do executivo autonómico que perpetuaran unha concepción anticuada e pouco eficiente do transporte de viaxeiros no noso país.

A Coruña, 13 de xuño de 2018.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/comarca-sae-prexudicada-co-novo-plano-transporte-da-xunta/20180613134438007973.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal