A Cidade 30 ten que ir acompañada doutras medidas que poñan as persoas por diante dos coches

carril bus
O grupo municipal do BNG avalía como positiva a declaración da Coruña como Cidade 30, unha medida adoptada este mércores pola Xunta de Goberno Local despois de que o portavoz da formación nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, urxise a súa posta en práctica o pasado 4 de maio.
A Cidade 30 ten que ir acompañada doutras medidas que poñan as persoas por diante dos coches

"Apoiamos a declaración. Levabámola no noso programa electoral e hai unha semana instabamos o Goberno Local a acelerar o proceso", afirma a concelleira do BNG Avia Veira, voceira nacionalista en asuntos relativos á mobilidade.

A Declaración está ben, mais ten que ir acompañada doutras medidas que vaian na dirección do coñecido como Modelo Pontevedra. "É preciso calmarmos aínda máis o tráfico e garantirmos mellor a seguridade vial. Hai que deseñar a cidade pensando nas persoas e non nos coches particulares", afirma Avia Veira. Nese sentido, o BNG propón accións como a ampliación de espazos para peóns (imprescindíbeis para gardar as distancias de seguranza), a priorización do transporte público (implantanción de carril bus, incremento nas frecuencias dos autobuses, reorganización das liñas para atender as necesidades da xente traballadora) ou o artellamento dun sistema de aparcadoiros disuasorios ben conectados co transporte público.

"En resumo, dicimos si á Cidade 30, mais é necesario que esta Declaración leve aparelladas políticas que garantan un uso racional do coche e que prioricen e democraticen o espazo público para os peóns, como nos ensina o Modelo Pontevedra, implementado por un goberno do BNG e que, por certo, esta mesma semana vén de recibir un novo premio, desta volta da Comisión Europea", conclúe Avia Veira.

A Cidade 30 ten que ir acompañada doutras medidas que poñan as persoas por diante dos coches