Carril: "PP e PSOE votaron contra as peticións da Plataforma en Defensa da ría do Burgo"

Carril: "PP e PSOE votaron contra as peticións da Plataforma en Defensa da ría do Burgo"

xose 1A Coruña, 17 de decembro de 2013.- En resposta ás preguntas dos medios, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, criticou que tanto o Partido Popular como o PSOE rexeitaran as emendas presentadas polo Bloque, a través de ALE-Os Verdes, grupo do que forma parte na Eurocámara, ao informe europeo sobre as rías galegas. Así, o portavoz nacionalista acusou o PP e o PSOE de votar en contra das demandas históricas da Plataforma en Defensa da ría do Burgo, na medida en que as emendas do BNG daban resposta ás reivindicacións da plataforma.

Nesta liña, Carril denunciou a postura hipócrita e cínica do Partido Popular e do PSOE ao rexeitar as emendas do BNG e ao apoiar un informe totalmente descafeinado que nin sequera solicita cartos públicos para sanear a ría do Burgo. Pola contra, cualificou de digno e coherente o posicionamento do BNG, que votou en contra do informe a través do grupo ALE-OS Verdes por desoír as peticións da Plataforma en Defensa da ría do Burgo, e o da eurodeputada liberal Angelica Werthmann e da europarlamentar do Grupo Verdes/ALE Tatajana Zdanoka (dúas das tres persoas peticionarias que formaron parte da visita), que solicitaron a retirada do seu nome do informe por estar en total desacordo co documento.

O que pedía o BNG

Do total de emendas presentadas polo BNG sobre a ría do Burgo, tan só se aprobou a emenda 72, que insta as Adminitracións públicas a proceder a retirada dos lodos da ría do Burgo. Porén, PP e PSOE desestimaron unha emenda fundamental en que o Bloque propuña que o texto final incluíse unha petición expresa ao Estado español para que usase os fondos europeos que recibirá con cargo ao paquete financeiro 2014-2020 a garantir o financiamento das infraestruturas necesarias para completar o saneamento integral das rías. Tratábase dunha recomendación imprescindíbel tendo en conta que no orzamento estatal de 2014, ao igual que no da Xunta de Galiza, non hai prevista ningunha partida para a ría do Burgo.

Tamén foron rexeitadas as emendas do BNG que pedían unha solución ao problema dos aliviadoiros das estacións de bombeo, o plan de rexeneración e dragado integral da ría, axudas ao desenvolvemento e fomento de programas de lecer e deporto, axudas a proxectos de recuperación e para volver sementar os bancos marisqueiros e o control estrito, no futuro, da ría do Burgo, co fin de garantir o benestar da veciñanza e do sector profesional que vive do marisqueo.

Carril: "PP e PSOE votaron contra as peticións da Plataforma en Defensa da ría do Burgo"