O BNG ve obsceno tirar con 72.000 na Laponia coruñesa sen sequera dinamizar o comercio local

O BNG ve obsceno tirar con 72.000 na Laponia coruñesa sen sequera dinamizar o comercio local

A Coruña, 27 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG considera unha indecencia que o Goberno do Sr. Negreira dilapide un total de 72.479 euros da cidadanía na instalación do "poboado de Papá Noel" na praza de María Pita, un dispendio que se suma aos 51.919 euros da cabalgata de reis, que é case duplica o custo respecto das do anterior goberno, e ao custo do alumeado de nadal, non concretado polo Goberno.

Á marxe de que a Laponia coruñesa rompe coa estética da praza de María Pita, os nacionalistas critican a hipocrisía do Goberno municipal, amigo dos gastos accesorios do nadal. Así, pregúntanse onde fica austeridade no malgasto de cartos públicos neste poboado lapón. A austeridade do PP son os 72.500 euros da Laponia de María Pita, os 52.000 euros da cabalgata, os 500.000 euros do partido amigábel de baloncesto ou os 1,5 millóns das festas e dos tres días de regata.

Os nacionalistas emprazan o Goberno municipal que pise a rúa e pregunte que lle parecen aos máis de 22.900 desempregados e desempregadas que hai na cidade, ás persoas dependentes que teñen que pagar polo servizo de axuda a domicilio, ás persoas pensionistas que teñen que pagar polos medicamentos, ás persoas que tiñan previsto empregar as hortas urbanas e non poderán facelo ou á cidadanía, que sufrirá o aumento de impostos municipais. Nesta liña, o BNG esíxelle ao Sr. Negreira que cambie o rumbo da súa política e que goberne para a inmensa maioría da veciñanza e non só para os seus amigos.

Os cartos de Laponia, para o comercio

O Grupo Municipal do BNG considera que os cartos públicos malgastados polo Sr. Negreira na Laponia coruñesa deberían ser destinados a frear a crise brutal que sofre o pequeno e mediano comercio coruñés, que non será quen de remontar no nadal.

Os nacionalistas, que advirten de que todas as medidas aprobadas polo PP desde o Goberno central van en detrimento do consumo, sinalan que é inevitábel a caída das vendas na campaña navideña. De feito, a Federación Galega do Comercio estima un descenso próximo ao 40%, cifra que representa un golpe definitivo para un dos sectores estratéxicos do tecido económico da Coruña, que realiza case a metade das súas vendas nesta época do ano.

O poder adquisitivo dos e das coruñesas cae drasticamente debido ás políticas de asfixia social do PP, a supresión da paga extra aos e ás empregadas públicas condicionará decisivamente a campaña de nadal, hai máis de 22.900 persoas no paro na nosa cidade e a receita dos quince concelleiros e concelleiras do PP na Coruña non é outra que instalar un poboado lapón de 72.000 euros, critica o Grupo Municipal do BNG.

Un goberno contra a sustentabilidade: árbores de nadal taladas

Por último, os nacionalistas consideran un absurdo o uso de árbores taladas no poboado lapón, unhas árbores sen raíz que durarán apenas un mes e que non poderán ser replantadas. Así, o Grupo Municipal do BNG esíxelle explicacións á Concellaría de Medio Ambiente e pídelle que lle dea exemplo á cidadanía en defensa da sustentabilidade.

O BNG ve obsceno tirar con 72.000 na Laponia coruñesa sen sequera dinamizar o comercio local