O BNG urxe a que o traslado de Repsol a Punta Langosteira se faga no menor tempo posíbel

O BNG urxe a que o traslado de Repsol a Punta Langosteira se faga no menor tempo posíbel

A Coruña, 14 de outubro de 2013.- Ante a sinatura do convenio entre a Autoridade e Repsol para o inicio do traslado ao porto exterior das instalacións que posúe a petroleira en San Diego, o Grupo Municipal do BNG advirte de que non era sen tempo que Repsol vaia iniciar o traslado ao porto exterior. Lembran as nacionalistas que o investimento en Punta Langosteira se anunciou e se xustificou, precisamente, para acoller as instalacións da empresa multinacional.

O Grupo Municipal do BNG, que se pregunta canto nos custará o traslado de Repsol, urxe a que a operación teña lugar no menor tempo posíbel para que se resolvan os problemas de seguridade na cidade, de xeito que a cidade deixe de ser un polvorín (dados os petroleiros e o oleoduto que a atravesa) e para que Repsol aproveite a ocasión de cara a modernizar as instalacións da refinaría e de cara a implementar melloras en materia de seguridade.

O porto exterior non pode servir só para un simple traslado de actividades do porto interior

As nacionalistas poñen de manifesto que Punta Langosteira non pode servir só para un simple traslado de actividades, pois sería un auténtico fracaso, na medida en que o porto exterior se concibiu como un revulsivo para a cidade e a comarca. Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG bota en falta un plan de desenvolvemento industrial para Punta Langosteira, un plan con contido que xere riqueza e postos de traballo.

Por último, o Grupo Municipal do BNG advirte de que a conexión ferroviaria do porto exterior é fundamental para que Punta Langosteira opere con normalidade e para que a infraestrutura poida erixirse como estímulo da actividade económica. Lembran as nacionalistas que o Goberno central destinou só 50.000 euros para a conexión ferroviaria nos orzamentos xerais do Estado.

O BNG urxe a que o traslado de Repsol a Punta Langosteira se faga no menor tempo posíbel