O BNG rexeita un modificativo de crédito que renuncia a fomentar o emprego e a impulsar a economía

O BNG rexeita un modificativo de crédito que renuncia a fomentar o emprego e a impulsar a economía

A Coruña, 11 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG votou esta mañá en contra da aprobación definitiva do modificativo de crédito de 10,2 millóns de euros, que saíu adiante só cos votos a favor do Partido Popular. As nacionalistas adoptaron o posicionamento contrario despois de que o Goberno municipal tombara todas as alegacións do BNG ao modificativo, unhas alegacións encamiñadas a fomentar o emprego e a impulsar a economía da cidade. Así, a concelleira Ermitas Valencia criticou que o Goberno municipal “non dedicara nin un só céntimo ao fomento de postos de traballo” e denunciou que “o modificativo ten como obxectivo pagar os recoñecementos extraxudiciais, é dicir, o que o PP denominaba na oposición as facturas ilegais”. Ademais, advertiu de que este modificativo “non serve de impulsor da economía, xa que dá de baixa obras comprometidas inicialmente no orzamento”.

Nesta liña, Ermitas Valencia criticou que o Partido Popular destine 4,5 millóns do modificativo a pagar gastos sen crédito orzamentario e sen seguir o procedemento legalmente estabelecido para tales efectos, unhas facturas, salientou, xeradas na etapa do Goberno do Sr. Negreira, concretamente, do ano 2012, como as de 2,7 millóns d a Compañía de Tranvías.

Ademais, a concelleira do BNG opúxose a que o Goberno municipal dera de baixa a convocatoria de subvencións a fondo perdido a iniciativas empresariais de emprego, por valor de 180.000 euros, que tiñan como obxectivo fomentar a creación de empresas, o autoemprego e, en xeral, o fomento da actividade empresarial. Advertiu de que 140.000 destes 180.000 euros se destinan a un viveiro de empresas-centro de innovación empresarial cuxo punto de partida é o protocolo asinado entre o Concello, a Fundación Emalcsa, a Cámara de Comercio e a Fundación Instituto Cameral que, teoricamente, segundo decreto de Alcaldía de 3 de maio de 2013, non supuña achega económica ningunha.

Ademais, Ermitas Valencia opúxose a que o Goberno municipal dea de baixa os cartos destinados ás obras de reposición do mercado de Santo Agostiño, para o que estaban previstos 250.000 euros. Sinalou que 85.000 euros deses 250.000 euros inicialmente orzados para o mercado de Santo Agostiño van destinados a concederlle un convenio a ASCEGA (Asociación de Comerciantes y Emprendedores de Galicia) para o evento “Incoruña”. “Unha vez máis, os cartos van para os seus amigos, con convenios-dedazo”, denunciou.

A concelleira nacionalista, crítica coa supresión de 396.276 euros para o plan de mellora en mobilidade do tráfico rodado, cos 204.007 euros en renovación e rehabilitación de firmes, cos 335.000 euros en reposición de pavimento de vías públicas, cos 258.000 euros no contrato de limpeza ou cos 200.000 euros nas obras de reparación da estación de autobuses, lamentou que boa parte destes cartos vaian ser destinados para festas e para o Consorcio de Turismo.

Ermitas Valencia tamén lamentou que o Goberno municipal desestimase a alegación do BNG que pedía a non supresión da partida de 200.000 euros para a adquisición de vivendas destinadas a realoxo de chabolistas e pedía que non se lles restasen os 62.500 euros á partida inicial de 95.000 euros para o convenio coa fundación Secretariado Xitano para o programa ACCEDER de inserción social básica e de acceso ao emprego.

O BNG abstense na cesión dun terreo entre o Materno e o Oncolóxico porque o Goberno municipal renuncia a unha prestación económica á que ten dereito o Concello e pide un informe de Intervención

No que respecta á petición de cesión ao Ministerio de Fomento da titularidade do tramo da estrada AC12 comprendido entre o Hospital Materno Infantil e as inmediacións do Centro Oncolóxico, o Grupo Municipal do BNG abstívose. E é que tal e como explicou o portavoz das nacionalistas, Xosé Manuel Carril, “pódese entender e compartir que se solicite a Fomento a cesión dunha parte da parcela que é titularidade do Estado para facer un aparcadoiro que axude a resolver o déficit de prazas de estacionamento nas inmediacións do Hospital Materno Infantil, pódese entender e compartir que se solicite, a maiores, a cesión de totalidade do ramal da AC-12, por ter a condición de vía urbana e discorrer entre o mencionado hospital e as inmediacións do Centro Oncolóxico, mais non se pode entender nin compartir que esta cesión se faga sen contraprestación económica por parte do Ministerio de Fomento”.

O portavoz do BNG sinalou que esta contraprestación por parte de Fomento está estabelecida legalmente na Orde Ministerial de 23 de xullo de 2001. Porén, Carril advertiu de que na proposta que o Goberno municipal levou a Pleno “a cesión do tramo vén sen a obrigada contrapestación económica por parte do Estado, de modo que o Concello da Coruña está renunciando a unha contraprestación económica á que ten dereito e asumindo custes económicos que non lle corresponden”. “Tendo en conta que o Goberno municipal quere renunciar ao que lle corresponde e asumir economicamente o que non lle corresponde, tamén chama a atención que no expediente administrativo desta proposta que foi a comisión non figure ningún informe de intervención ao respecto, cando debería figurar”, expuxo. De aí que solicitase un informe para coñecer que pensa ao respecto a Intervención do Concello.

O BNG abstense na aprobación da ordenanza de verteduras por non contemplar as alegacións das nacionalistas sobre a cláusula do progreso técnico, sobre a reutilización das augas residuais e sobre as infraccións e sancións

Sobre a ordenanza de verteduras e do servizo municipal de saneamento, Carril explicou a abstención do Grupo Municipal do BNG en base a que o Goberno do Sr. Negreira desestimou varias das alegacións presentadas polas nacionalistas. Ademais de facer referencia ás grallas, algunhas de estilo e outras de rigor legal, o portavoz do BNG fixo fincapé en tres cuestións de fondo. En primeiro lugar, lamentou que o Goberno municipal rexeitase a alegación das nacionalistas que pedía a esixencia de adaptar os permisos de verteduras conforme á cláusula do progreso técnico, isto e, que se apliquen as melloras técnicas dispoñíbeis. Así, Carril defendeu que na ordenanza se adecuasen os permisos de verteduras ás esixencias e requrimentos do progreso técnico, que non sería indemnizábel e cuxo incumprimento podería dar lugar á suspensión e revogación do permiso.

En segundo lugar, Carril lamentou a ausencia de medidas ambientalmente eficientes e innovadoras. De aí que botase en falta que o Goberno municipal non incorporase a alegación do BNG que reclamaba posibilitar a reutilización das augas residuais. Así, apelou á posibilidade de utilizar como recursos alternativos o aproveitamento ds augas pluviais, a través de sistemas de captación e almacenamento, e aos diferentes usos (rego de zonas verdes, parques públicos e privados e áreas deportivas; limpeza de viarios e de colectores de recollida do lixo; recheo de láminas ornamentais de auga; usos industriais ou usos recollidos na lexislación vixente).

En terceiro lugar, o nacionalista tamén lamentou que o Goberno municipal non admitise a súa alegación sobre o réxime de infraccións e sancións nos supostos do autocontrol de verteduras. Carril explicou que aínda que as ordenanzas locais poden regular un réxime de infraccións propio con sancións dun máximo de 100.000 euros, non fican claras as “peculiaridades da nosa cidade” que xustifican que non se regule con maior detalle e severidade as infraccións e sancións nos supostos de incumprimento. A ordenanza, expuxo o nacionalista, só contempla expresamente un suposto de infracción (o incumprimento do plan de autocontrol cando así sexa esixido no permiso da vertedura), sendo considerado infracción leve. Neste contexto, Carril salientou qye a ordenanza debería regular con maior precisión e menor indulxencia unha relación específica de infraccións e sancións para os concretos casos de autocontrol das verteduras.

Por último, Carril sinalou que se pode entender o posicionamento do Goberno municipal ao rexeitar as citadas alegacións do BNG porque, tal e como o concelleiro de Medio Ambiente recoñeceu, pactou esta ordenanza cos grandes sectores industriais.

Carril esíxelle ao Goberno municipal que escoite AVV Os Anxos do Birloque e de Mesoiro para adecuar ás necesidades da veciñanza as obras dos novos accesos da AC14 Lonzas-A Zapateira

O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, esixiulle ao Goberno do Sr. Negreira que, tal e como informa o Pleno sobre o acordo da Xunta de Goberno Local de 18 de xuño de 2013 relativo ás modificacións técnicas a ter en conta nos novos accesos da AC14, Lonzas-A Zapateira, debería informar os veciños e veciñas afectadas, nomeadamente a asociación veciñal “Os Anxos” e mais a asociación veciñal de Mesoiro. Así, emprazou o Goberno municipal a lle trasladar a estas entidades os cambios que propón, co fin de que a veciñanza lle poida achegar as súas peticións. Carril afeoulle ao alcalde que non recibise aínda o presidente da AVV Os Anxos do Birloque despois de terlle solicitado unha reunión no mes de novembro de 2012 e recentemente, en xuño de 2013.

O portavoz nacionalista transmitiulle ao Goberno municipal que a veciñanza quere saber como vai quedar a altura do paso elevado, onde vai comezar a saída e onde vai rematar, como quedan os carrís adxacentes na Avenida de Glasgow, como van acceder os coches aos garaxes das casas 1-3 e 2-4 desta avenida e a que distancia vai ficar a estrada da parte máis achegada ao edificio 12 de Pablo Picasso.

Ademais, dado que o Goberno municipal non se reuniu coas citadas entidades, Carril expuxo perante o Pleno da Corporación as demandas máis urxentes por parte da veciñanza. Así, en materia de seguridade viaria, reclamou a redución da velocidade a 30km/h na Avenida de San Cristóbal e en Salgado Torres, tanto durante as obras como ao seu remate. A instancias da veciñanza, o nacionalista reclamou, tamén, pasos de peóns correctamente sinalizados e con badéns e pantallas antiruído no tramo de obras con núcleos de poboación, ademais doutras melloras citadas polo concello do BNG, como a necesidade de mellorar o camiño de acceso ao lugar de San Cristovo, que conta cunha rampla de gran pendente para as persoas con mobilidade reducida.

Tráfico soterrado nun túnel en vez de escavar buracos que benefician a Autoridade Portuaria

Por último, Carril sinalou unha proposta nada descabelada da AVV Os Anxos do Birloque que consiste en soterrar o tráfico rodado da Avenidad e San Cristovo. “Visto o furor escavador do Goberno municipal e dada a condición do noso alcalde como Negreira a toupeira, ben poderían actuar en beneficio da veciñanza e non da Autoridade Portuaria”, sinalou Carril.

O portavoz do BNG aludiu aos máis de 16 millóns que prevé gastar o Goberno municipal no túnel da Mariña, co fin de que o Concello financie unha obra innecesaria e que non lle corresponde só co fin de que a Autoridade Portuaria faga caixa coa venda dos peiraos, unha vez desafectada e liberada a superficie do viario.

 

O BNG rexeita un modificativo de crédito que renuncia a fomentar o emprego e a impulsar a economía