O BNG reclama no Congreso o convenio entre Repsol e a Autoridade Portuaria

O BNG reclama no Congreso o convenio entre Repsol e a Autoridade Portuaria

Madrid, 15 de outubro de 2013.- A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez vén de solicitar o acceso ao convenio asinado entre a Autoridade Portuaria da Coruña e Repsol para o traslado das instalacións da petroleira ao porto exterior de Punta Langosteira. Dado o escurantismo que xurdiu ao redor do contido do convenio, Rosana Pérez rexistrou unha batería de preguntas para a resposta escrita co fin de coñecer os detalles concretos. Na iniciativa dirixida á Mesa do Congreso, a nacionalista denuncia que “o acto de sinatura do convenio e a posterior información ofrecida aos medios de comunicación estivo envolto de certa opacidade e escurantismo”.

Rosana Pérez pon de manifesto no escrito dirixido á Mesa do Congreso que “o Goberno debe ter en conta que o traslado de Repsol a Punta Langosteira é unha demanda histórica da cidade coruñesa, que afecta á estrutura da propia urbe, e por iso resulta difícil de entender que non se ofreza toda a información de xeito transparente”. Así, a deputada do Bloque advirte dos interrogantes que o Ministerio de Fomento debería aclarar e concretar, como os prazos do traslado, o desenvolvemento da segunda fase (da que, advirte, nada sabemos) ou os prazos para a conexión ferroviaria ao porto exterior.

A deputada do BNG critica que quedaran sen anunciar os prazos para o desenvolvemento das fases seguintes con operacións que non se refiren ao tráfico de petróleo, cru e sólidos ou futuras actuacións, como a conexión ferroviaria a Punta Langosteira ou o desmantelamento do actual oleoduto que conduce baixo terro o cru até a refinaría. Tamén sinala que non se achegaron detalles sobre o futuro dos terreos que ocupa a día de hoxe Repsol en San Diego.

 

O BNG reclama no Congreso o convenio entre Repsol e a Autoridade Portuaria