O BNG pregunta no Parlamento polo veto a A.C. de Waterpolo e o uso privado das piscinas na Coruña

O BNG pregunta no Parlamento polo veto a A.C. de Waterpolo e o uso privado das piscinas na Coruña

A Coruña, 6 de febreiro de 2016.- A instancias do Grupo Municipal, o Grupo Parlamentario do BNG, rexistrou unha serie de iniciativas nas que inquire, á Xunta de Galiza e á Consellaría de Deporte, explicacións sobre a xestión dos complexos deportivos de Elviña, Sardiñeira e Agra na cidade da Coruña.

O BNG presenta unha serie de iniciativas no Parlamento de Galiza relativas á xestión dos complexos deportivos de Elviña, Sardiñeira e Agra

Deste xeito o Bloque traslada a sede parlamentaria as queixas da Asociación Coruñesa de Waterpolo. Esta asociación realizou, no seu momento, distintas reclamacións diante do Instituto Galego de Consumo, do Xefe Provincial de Deportes e da Xerencia da Fundación Deporte Galego, a respecto da anulación unilateral do convenio que tiña asinado coa empresa concesionaria das instalacións, e no cal establecíase o uso destas en determinadas horas a cambio de ofrecer waterpolo gratuíto aos seus abonados e abonadas e pagar a cota de abonado/a deportista mensualmente.

As nacionalistas recollen, deste xeito, as reclamacións da Asociación Coruñesa de Waterpolo que foi vítima dunha serie de abusos por parte da empresa concesionaria da xestión dos devanditos complexos deportivos que claramente vulneran o establecido nas bases de contratación

Porén a empresa concesionaria anulou unilateralmente o convenio e prohibiu a entrada ás instalacións aos deportistas da Asociación Coruñesa de Waterpolo nas condicións establecidas para o conxunto dos/as usuarios/as, anulando sen causa xustificada, e pese a estar ao corrente do pago, todos os abonos. Incluso chegou a vetar o acceso aos/ás deportistas que identificou como membros da asociación cando os/as mesmos/as optaron por adquirir unha entrada individual.

Doutra banda, o BNG ten coñecemento de que a empresa “Dobok Escuela de Taekwondo S.L” está usando as instalacións deportivas públicas situadas nestes complexos en condicións claramente vantaxosas a respecto das estipuladas para as asociacións deportivas de base e sen ánimo de lucro. Dáse a circunstancia de que “Dobok Escuela de Taekwondo S.L” é unha empresa mercantil e na mesma figura como Presidenta a esposa do Xefe Provincial do Deporte da Coruña e o propio Xefe Provincial fai labores de preparador, segundo diversas informacións periodísticas.

O Bloque sinala, ademais, ter coñecemento de que a empresa “Dobok Escuela de Taekwondo S.L”, vinculada á esposa do Xefe Provincial do Deporte da Coruña, e na que o propio Xefe Provincial fai labores de preparador, está usando as instalacións deportivas públicas en condicións claramente vantaxosas a respecto das estipuladas para as asociacións deportivas de base e sen ánimo de lucro

As nacionalistas consideran escandaloso que se dificulte o acceso a unhas instalacións públicas, por moito que a xestión das mesmas estea concesionada, a asociacións deportivas de base e sen ánimo de lucro, cando unha función básica dos equipamentos deportivos públicos debe ser o fomento e divulgación da práctica deportiva.

Instalacións deportivas da piscina da Agra

“Consideramos tamén escandaloso que se vete o acceso de xeito totalmente arbitrario a deportistas que pretendían acceder ás instalacións nas condicións establecidas para o conxunto dos/as usuarios/as e consideramos finalmente aínda máis escandaloso o trato de favor a unha empresa mercantil con ánimo de lucro e presidida pola esposa do Xefe Provincial do Deporte e na que o propio Xefe Provincial fai labores de preparador, segundo diversas informacións periodísticas”, sinalan as nacionalistas.

Por todo isto, o Grupo Parlamentar do BNG dá traslado dunha serie de iniciativas, tanto para a súa resposta oral como por escrito en Comisión, e en Pleno, nas que pregunta se a Xunta de Galiza é coñecedora do convenio de colaboración existente entre a a empresa “Dobok Escuela de Taekwondo S.L” e a empresa GAIA-MOVEX VIAL, encargada da xestión dos complexos deportivos de Elviña, Sardiñeira e Agra na cidade da Coruña, se está autorizado o devandito convenio nas Bases de Concesión, se é coñecedora de que a Presidenta de Dobok Escuela de Taekwondo S.L é a esposa do Xefe Provincial do Servizo de Deportes da Coruña ou mesmo se é coñecedora de que o propio Xefe Provincial do Deporte da Coruña fai labores de preparador na devandita escola, segundo diversas informacións periodísticas.

Asemade, dentro da batería de preguntas que trasladan, as nacionalistas tamén se interesan por se a Xunta de Galiza considera un exemplo de transparencia na xestión pública que unha empresa mercantil con ánimo de lucro e presidida por unha persoa con parentesco directo co Xefe Provincial de Deportes, se beneficie do uso de instalacións públicas, se se considera equitativo e un bo uso de instalacións públicas que a adxudicataria da xestión dos complexos cobre á Asociación Coruñesa de Waterpolo por dar waterpolo gratuíto aos/ás abonados/as e polo contrario o uso das instalacións pola empresa DOBOK sexa na práctica gratuíto, a través dun convenio de arrendamento de servizos, se a propia Xunta coñece as reclamacións comunicadas á Xefatura Provincial de Deportes da Coruña e á Xerencia da Fundación Deporte Galego e os motivos polos que non foron respondidas formalmente.

Por último, o BNG pregunta que opinión lle merecen á Xunta de Galiza estes feitos, se apoia a actuación da Xefatura Provincial de deportes da Coruña e da Xerencia da Fundación Deporte Galego e se se van iniciar accións para depurar responsabilidades?

Pincha quí para ver as iniciativas resentadas:

 

O BNG pregunta no Parlamento polo veto a A.C. de Waterpolo e o uso privado das piscinas na Coruña