MOCIÓN QUE SERÁ DEFENDIDA POR JORQUERA NO PLENO DO 2X

O BNG pídelle ao Goberno Local que tome as medidas precisas para acabar coa ocupación ilegal en Palavea

Foto de El Ideal Gallego
Reunión de veciñas afectadas, con Jorquera. Foto: El Ideal Gallego
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha moción para o seu debate e votación no Pleno do próximo 2 de xullo en que se insta o Goberno Local a que tome as medidas precisas "co obxecto de poñer fin á ocupación ilegal dos bloques de vivendas de Epamar en Palavea". A iniciativa vaina defender o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera. 
O BNG pídelle ao Goberno Local que tome as medidas precisas para acabar coa ocupación ilegal en Palavea

"O grupo municipal do BNG considera o dereito á vivenda un dereito fundamental que debe ser garantido de xeito efectivo polos poderes públicos, pero a reivindicación do dereito á vivenda non pode servir de coartada a prácticas usurpadoras ou vandálicas", afirma Jorquera na exposición de motivos.

"Alén das diferentes valoracións que poida suscitar o fenómeno okupa", reflexiona o portavoz soberanista no texto, "a propia veciñanza diferencia entre actos que non teñen outra finalidade que desfrutar dun dereito básico como é o dereito á vivenda de actos de auténtica usurpación, moitas veces acompañados de prácticas mafiosas e comportamentos incívicos, vandálicos e violentos".

"O BNG é unha forza total e absolutamente comprometida coa defensa do dereito á vivenda e é respeitosa con algunhas manifestacións do movemento okupa que pretenden reivindicar o dereito do acceso á vivenda ou recuperar edificios públicos en desuso para os dotar dun fin social. Pero neste caso estamos ante un fenómeno doutras características. Estamos ante unha auténtica mafia que se apropiou destas vivendas", explica.

Relata Jorquera que desde 2017 as vivendas de Epamar se achan "baixo o control de feito dun grupo violento de comportamento mafioso", que alén de cobrar polo "subarrendamento" das vivendas ocupadas e polo consumo de electricidade ("pese a que a subministración faise a través dun enganche ilegal á rede eléctrica"), está a perpetrar actos violentos, mesmo cun caso de presunta violación, e con constantes intimidacións á veciñanza.

"As vítimas non son só o resto de veciñas e veciños de Palavea, senón tamén, ás veces, algunhas persoas ocupantes que sofren a presión do grupo violento que pretende apropiarse a todos os efectos das vivendas e impoñer a súa lei", sinala Jorquera, quen remarca que "nalgunhas destas vivendas residen menores que sofren a cotío estas situacións".

É por isto que o BNG demanda do Goberno Local un "reforzo da vixilancia por parte da Policía Local" e tamén unha maior atención por parte dos servizos sociais do Concello "ás persoas en situación de vulnerabilidade residentes nas vivendas citadas".

O BNG pídelle tamén ao Goberno Local que faga xestións ante a SAREB, titular da maioría das vivendas, "co obxecto de demandar que esta sociedade as ceda ao Concello da Coruña para a súa transformación en vivendas sociais". Tamén insta o executivo coruñés a que demande da Consellaría de Política Social da Xunta actuacións que garantan a protección das persoas menores de idade residentes nesas moradas.

O BNG pídelle ao Goberno Local que tome as medidas precisas para acabar coa ocupación ilegal en Palavea