O BNG pide nunha moción que A Coruña se adhira a ILP para devolverlle ao pobo a figura de Castelao

A derradeira lección do mestre. Castelao
O BNG pide nunha moción que A Coruña se adhira a ILP para devolverlle ao pobo a figura de Castelao

Castelao_-_A_derradeira_leccion_do_mestreA Coruña, 7 de febreiro de 2015- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno deste luns para que o Concello da Coruña se adhira á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura que busca devolver ao pobo galego a figura de Castelao. Deste xeito, preténdese que a Xunta de Galiza saque do ostracismo unha das figuras clave da historia de Galiza e cumpra co dereito do pobo galego ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao. Así, a moción manifesta o apoio da Corporación á ILP e anima a veciñanza da Coruña a apoiala.

A través desta moción, o Grupo Municipal do BNG chama a atención sobre a necesidade de que a figura de Castelao, coas súas diversas facetas de debuxante, pintor, escritor, dramaturgo ou ensaísta, sexa debidamente coñecida e valorada polo pobo ao que dedicou os seus esforzos. Así, as nacionalistas reclaman que o nome de Castelao se poña en valor, que a súa obra se desenterre, se catalogue e poida ser coñecida polo público galego e que conte tamén cun espazo museístico digno. Ademais, de maneira singular, o BNG pide que a Xunta de Galiza inicie as xestións para adquirir o cadro “A derradeira lección do mestre”, co fin trasladalo de Bos Aires a Galiza para ser exposto publicamente.

Tal e como recolle o texto da ILP, as nacionalistas exixen que se acabe, dunha vez por todas, coa censura, ocultación, descoñecemento e ignorancia sobre a figura e a obra multifacética de Castelao. Tamén salientan que é hora de que poida ser contemplada debidamente a súa obra artística e que sexa de fácil acceso a súa obra literaria, tamén a ensaística de carácter político, tendo a debida presenza no sistema educativo. Na mesma liña, exixen que a Xunta de Galiza se preocupe de catalogar toda a obra de Castelao e que estabeleza un plano de colaboración entre as distintas institucións e organismos, públicos e privados, que posúan obras, informacións ou obxectos persoais do noso grande político e artista coa finalidade de que podan ser coñecidas e contempladas en exposición pública e estábel, coas debidas garantías de protección e seguridade. Só así o pobo galego coñecerá e poderá xulgar por si mesmo o sentido e valor dunha figura e obra que por el foi motivada e que ten nel o seu principal destinatario.

 

O BNG pide nunha moción que A Coruña se adhira a ILP para devolverlle ao pobo a figura de Castelao