Imprimir

O BNG pide que se acelere o plan de choque e un sistema de bandeiras no canto da cita previa para acceder ás praias

bngcidadedacorunha.opennemas.com | 19 de maio de 2020

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, instou hoxe o Goberno Local a que dea impulso aos traballos de elaboración do plan de choque de medidas socio-económicas do concello contra a Covid-19 para que se poda levar a pleno no que queda de mes.

Jorquera fixo este emprazamento ao Goberno Local durante a Xunta de Voceiros que tivo lugar esta mañá, co combate contra a pandemia, máis unha vez, como argumento monográfico.

Durante a reunión, o voceiro propuxo un código de bandeiras (vermellas, verdes, amarelas...), complementado co uso de megafonía, como sistema para regular o acceso ás praias no canto da cita previa pola que aposta a Xunta. "Nun país como o noso, con case mil cincocentos quilómetros de costa, cun tempo atmosférico tan variábel e sempre pendentes de se hai marea alta ou baixa, o sistema da cita previa non é viábel. Parécenos mellor a opción das bandeiras pola que se ten decantado Portugal".

A respecto do plan de choque de medidas socio-económicas, na liña do expresado no Pleno do pasado 14 de Maio, Jorquera pediu que se pasase do terreo da propaganda ao dos feitos e que se cuantifiquen á maior brevidade posíbel os recursos orzamentarios que se van mobilizar para combater os efectos. Os cartaces publicitarios do concello que enchen a cidade anuncian actuacións que a día de hoxe non teñen "nin concreción nin dotación orzamentaria", denuncia o portavoz nacionalista, quen reitera que o plan de contratación en que supostamente se irían investir por volta de 500 millóns de euros non é máis que "o compendio de todos os contratos que está previsto licitar e adxudicar neste ano e nos vindeiros, todos eles previstos antes desta crise".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pide-acelere-plan-choque-sistema-bandeiras-non-cita-previa-acceder-praias/20200519135139008575.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal