O BNG pedirá en pleno a condena do franquismo e o apoio á querela arxentina contra os crimes

O BNG pedirá en pleno a condena do franquismo e o apoio á querela arxentina contra os crimes

XOSE MANUELA Coruña, 13 de decembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, vén de rexistrar unha moción, para o debate no vindeiro pleno ordinario de decembro, que pide a condena da sublevación fascista dirixida por Franco en 1931 e o réxime ditatorial posterior que, durante corenta anos, reprimiu con terrorismo de Estado todo vestixio de disidencia e loita pola liberdade, a xustiza social e os dereitos das persoas e que levou a cabo máis de 5.000 asasinatos en Galiza. A través desta moción, o BNG reclama o apoio e a adhesión á Querela 4591-10, do Xulgado Nº 1 de Bos Aires, na Arxentina, por delitos de xenocidio e lesa humanidade contra os responsábeis da conculcación dos dereitos humanos durante o franquismo.

Carril solicita tamén que o goberno do Estado cumpra a recomendación da Comisión de Dereitos Humanos da ONU e derrogue a Lei de amnistía de 1977 para poder xulgar os crimes do franquismo no Estado español, derrogación que o BNG xa demandou en 2011 no Congreso dos Deputados. Neste sentido, a moción do BNG alude á recomendación da ONU (que tivo lugar en 2009 e foi reiterada o ano pasado desde Xenebra) que, baixo a lei internacional, empraza o Estado español a investigar as graves violacións dos Dereitos Humanos, incluídas as cometidas durante o réxime de Franco, e a procesar e castigar os responsábeis se aínda estiveren vivos, indicando que as vítimas teñen dereito de reparación.

Ademais, mediante a iniciativa, o portavoz do Grupo Municipal do BNG insta o Goberno do Sr. Negreira a adoptar as medidas necesarias para garantir que as persoas represaliadas pola rebelión militar de xullo de 1936, polo réxime franquista e polo terrorismo de Estado poidan exercer o dereito a coñecer a verdade sobre aquel réxime, para contrarrestar os intentos de reescribir a historia que veñen facendo por parte dos seus herdeiros; o dereito á xustiza efectiva para superar o actual estado de impunidade dos responsábeis dos crimes contra a humanidade cometidos; o dereito a unha reparación digna e non discriminatoria para centenares de miles de vítimas do franquismo e o dereito do conxunto do pobo a que se implementen medidas de cambios sociopolíticos, xurídicos e institucionais como garantía de non repetición.

A moción do Grupo Municipal do BNG tamén solicita a condena do papel xogado polas oligarquías agraria, industrial e financeira e pola xerarquía da Igrexa católica. E é que o réxime ditatorial, baseado na persecución e aniquilación física dos defensores e defensoras da liberdade, da xustiza social e dos dereitos das persoas, foi mantido polo exército, a oligarquía e a Igrexa católica durante os seguintes corenta anos mediante a feroz represión de calquera oposición, utilizando para iso medios que poden ser cualificados de xenocidio contra o seu propio pobo e terrorismo de Estado.

Nesta iniciativa, as nacionalistas amosan a súa satisfacción por que unha xuíza arxentina, María Servini, leve adiante unha causa contra o franquismo e os seus protagonistas vivos, por delitos de xenocidio e lesa humanidade, delitos que nin prescriben nin poden ser amnistiados por ningún tipo de “lei de punto final”. Aínda sendo tramitada desde instancias internacionais, sinala o BNG, esta querela comeza a romper o muro de impunidade do franquismo, contra o que tantas persoas e organizacións sociais vimos combatendo. Resulta, polo tanto, un feito de importancia transcendental na loita pola xustiza, a verdade e a reparación dos danos causados aos centos de miles de vítimas do franquismo, conclúe o Grupo Municipal do BNG.

O BNG pedirá en pleno a condena do franquismo e o apoio á querela arxentina contra os crimes