O BNG interésase polo saneamento e a rehabilitación estrutural do mercado de Monte Alto

O BNG interésase polo saneamento e a rehabilitación estrutural do mercado de Monte Alto

A Coruña, 28 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG presentou para o próximo Pleno unha batería de preguntas nas que se interesa polas actuacións no mercado de Monte Alto. Deste xeito, o Bloque interésase polo estado preocupante no que se atopan as instalacións deste mercado, nomeadamente no que tiña a ver coa praza que configura a cuberta da edificación e o aparcamento subterráneo. As nacionalistas lembran que durante os últimos anos teñen rexistrado varias iniciativas para a mellora desta instalación. De feito, o BNG mostrouse moi crítico despois de que o Goberno municipal anterior presentara, en decembro de 2014, un proxecto de remodelación da praza do mercado de Monte Alto no que non se recollía ningunha actuación sobre os interiores do aparcamento subterráneo. As nacionalistas indican que xa por aquel entón presentaba numerosos desprendementos de formigón, debido á corrosión das armaduras por continuas filtracións, amais dun deficiente sistema de saneamento que provoca numerosas inundacións interiores.

As nacionalistas pregúntanlle ao Goberno municipal sobre a cuberta da edificación e o aparcamento subterráneo

Así, o Grupo Municipal pregunta sobre que previsións de actuacións ten o novo Goberno municipal sobre o mercado, se se vai manter o proxecto aprobado na lexislatura anterior, se existe algunha previsión de actuar nos sistemas de saneamento do mercado, sobre as previsións de actuacións sobre a impermeabilización da planta baixa para impedir que se produzan filtracións aos aparcamentos situados nos sotos e se se vai realizar algunha medida de rehabilitación estrutural sobre as zonas danadas do edificio.

O BNG interésase polo saneamento e a rehabilitación estrutural do mercado de Monte Alto