O BNG exíxelle ao Goberno local que interceda polos despedimentos no aparcadoiro de Alvedro

O BNG exíxelle ao Goberno local que interceda polos despedimentos no aparcadoiro de Alvedro

IMGP0645A Coruña, 15 de outubro de 2014- A concelleira do Grupo Municipal do BNG María Xosé Bravo reuniuse na mañá de hoxe con representantes dos traballadores do aparcadoiro de Aena en Alvedro, servizo que está subcontratado á empresa Empark, para lle trasladar ás nacionalistas a problemática laboral que sofren. A adxudicataria, explicaron, prevé suprimir catro postos e medio dos seis postos de traballo que hai na actualidade no aparcadoiro de Alvedro (pasaríase a contar, tan só, cun traballador a tempo completo e un a tempo parcial). De aí que desde o Grupo Municipal do BNG se lle exixa ao Goberno do Sr. Negreira para que interceda polos postos de traballo e se solidarice cos empregados.

O BNG expón que estes despedimentos, e o conseguinte deterioramento do servizo de aparcadoiro, son consecuencia directa da privatización de Aena e non responde nin sequera ás contas económicas da empresa, que foron aumentando nos últimos anos. Segundo os propios traballadores, que lle achegaron as cifras ao Bloque, no 2012 Empark pechou o ano con 921.881,75 euros de ingresos, en 2013, con 1.013.772,05 euros e até agosto de 2014 levaba ingresados xa 835.411,10 euros, co que se prevé que os ingresos aumenten respecto do pasado ano.

Incumprimento do prego de cláusulas

IMGP0660A concelleira nacionalista indica que os despedimentos previstos representan un incumprimento do prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo de xestión integral dos aparcadoiros dos aeroportos de Aena, xa que na cláusula terceira, “Cláusula de Medios Humanos”, das “Normas xerais” se recolle que “o adxudicatario comprométese a realizar o servizo, obxecto do prego, cos medios humanos e axeitados a tal fin” e engádese que “respecto ao persoal, o adxudicatario obrígase expresamente a realizar a súa actividade cun cadro de persoal axeitado para o rendemento óptimo e a calidade do servizo”.

María Xosé Bravo, que exixe a paralización destes despedimentos, sinala que non se trata só dun problema laboral, xa que tamén está en xogo a calidade do servizo prestado, pois os traballadores serán substituídos por máquinas. Ademais, a concelleira nacionalista pide a implicación das persoas usuarias e chámaas á comprensión unha vez comecen os traballadores coas accións de protesta que teñen pensado levar a cabo para protestar polos despedimentos. A nacionalista tamén salienta que está en xogo a propia perda de cartos públicos tras os investimentos millonarios dos últimos anos.

Por último, a concelleira do BNG advirte de que, tal e como lle expuxeron os traballadores, os despedimentos no aparcadoiro de Alvedro veñen precedidos dun proceso de despedimentos que segue o seu curso no aparcadoiro do aeroporto de Bilbao e despois destes chegarían moitos máis. A este respecto, os traballadores sinaláronlle a Bravo que a adxudicataria leva 18 aparcadoiros en aeroportos do Estado español.

O BNG exíxelle ao Goberno local que interceda polos despedimentos no aparcadoiro de Alvedro