O BNG empraza o Goberno local a redactar en galego as ordenanzas municipais

O BNG empraza o Goberno local a redactar en galego as ordenanzas municipais

A Coruña, 21 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar un rogo para que o Goberno do Sr. Negreira cumpra a lexislación vixente en materia de lingua e elabore as versións en galego daquelas ordenanzas municipais que só están redactadas en castelán. Precisamente, as tres últimas ordenanzas aprobadas están redactadas unicamente en castelán e carecen de versión na lingua propia de Galiza (art. 5 do Estatuto), polo que infrinxen a normativa lingüística vixente.

Estas últimas ordenanzas, que foron aprobadas definitivamente no Pleno de 21 de xullo e publicadas no BOP o 11 de agosto, pertencen á Área de Urbanismo e Infraestruturas e son a Ordenanza reguladora das condicións de implantación dos usos vinculados coa hostalaría, lecer e comercio; a Ordenanza reguladora dos procedementos para a intervención e control na execución das obras, implantación de instalacións e actividades ou servizos e a Ordenanza de protección contra a contaminación acústica.

Ademais, as nacionalistas reclaman a través desta iniciativa que o Concello revise e corrixa lingüisticamente aquelas ordenanzas que contan con versión en galego, dado que a normativa municipal redactada na lingua propia de Galiza –como é o caso das ordenanzas fiscais- conteñen graves e numerosos erros lingüísticos, obvian a linguaxe administrativa e deixan ver que se trata de traducións automáticas. O BNG apunta ao respecto que no Concello da Coruña existe funcionariado con capacitación acreditada en linguaxe administrativa e mesmo persoal técnico de Normalización Lingüística que pode desenvolver este necesario labor para a dignificación e difusión do galego.

Por último, a través deste rogo, o Grupo Municipal do BNG insta o Goberno do Sr. Negreira a redactar en galego aquelas ordenanzas antigas que seguen vixentes e que carecen da preceptiva versión na nosa lingua.

O BNG empraza o Goberno local a redactar en galego as ordenanzas municipais