O BNG elixe novo Consello Local na Coruña en conclusión ao proceso da XV Asemblea Nacional

Parte do novo Consello Local despois de ser elixido na Asemblea.
O BNG elixe novo Consello Local na Coruña en conclusión ao proceso da XV Asemblea Nacional

A Coruña, 30 de marzo de 2016.- A Asemblea Local do BNG ven de elixir neste serán ao novo Consello local da Coruña en conclusión na localidade do proceso da XV Asemblea Nacional.

Esta asemblea, que contou coa participación de máis dun cento de persoas afiliadas e simpatizantes da organización nacionalista na cidade, culmina así o proceso de elección de novos órganos na localidade e terá como misión dar traslado na Coruña da folla de ruta para o proceso de refundación no que está inmerso o BNG.

As nacionalistas renovan o máximo órgano na localidade reelixindo ao avogado David Pena como Responsábel Local

Parte do novo Consello Local despois de ser elixido na Asemblea.

Neste sentido, e xunto coa defensa dos barrios e das políticas sociais e de defensa das maioría socias, o “Proceso Adiante”, que antonte se presentou a nivel nacional, son definidos como os eixos de traballo durante os vindeiros meses da única candidatura presentada e que foi ratificada polas e polos presentes na asemblea.

Para encabezar este proceso, a Asemblea Local reelixiu como Responsábel Local ao avogado laboralista David Pena, que xa viña desenvolvendo esta responsabilidade desde xullo do ano pasado. Na súa intervención, previa á votación e de presentación da candidatura que encabezaba, destacou a necesidade de “actualizar o discurso do Bloque nun momento en que consideramos que o nacionalismo é máis necesario que nunca” no contexto de recuperar o pulso social e electoral para que o BNG sexa peza clave na derrota do PP nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza e ter como obxectivo o ensanchar a base social do nacionalismo “xa que logo o BNG é a casa común de todos e de todas as nacionalistas na Galiza”, sinalou o novo Responsábel Local.

O novo órgano define como prioritarios a defensa dos barrios, as políticas sociais e de defensa das maioría sociais e o “Proceso Adiante” como eixos de traballo a desenvolver nos vindeiros meses

O conxunto total da candidatura elixida, ao que logo haberá que sumar ao representante da organización xuvenil do Bloque, Galiza Nova, e ás e aos responsábeis de grupos de barrio, está conformado por un total de 19 persoas, e conta, entre outras persoas, e a maiores do propio David Pena, Raquel Olveira Vilela, como Vicerresponsábel Local, Manuel Francisco Méndez López, como Responsábel de Organización, Avia Veira González, actual concelleira do BNG no Concello da Coruña, Iolanda Naia Ferreiro, como Responsábel de Acción Feminista, Xosé Manuel Carril Vázquez, Portavoz do BNG no Concello da Coruña no anterior mandato 2011-2015, María Xosé Bravo Sanxosé, concelleira do BNG entre 2007 e 2015, Manuel Monge González, concelleiro no mandato 2003-2007, ou Isabel Martínez Risco Valdivieso, membro da candidatura NÓS presentada ás últimas eleccións ao Congreso.

O BNG elixe novo Consello Local na Coruña en conclusión ao proceso da XV Asemblea Nacional