O BNG denuncia atrasos inxustificábeis en axudas de emerxencia e na Risga

O BNG denuncia atrasos inxustificábeis en axudas de emerxencia e na Risga

A Coruña, 9 de xaneiro de 2014.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia atrasos e demoras inxustificábeis na tramitación das axudas de emerxencia e da Renda de Inclusión Social de Galiza (Risga), unha situación que prexudica a multitude de persoal que se atopan en risco de exclusión.

A edila do BNG advirte de que estes atrasos, confirmados polas educadoras sociais e polas traballadoras sociais, están provocados pola centralización do Servizo de Información, Valoración e Orientación (SIVO) en tres Unidades de Atención Social. E é que as demoras inxustificábeis comezaron a producirse unha vez o Partido Popular decidiu centralizar os servizos sociais, malia a oposición das persoas profesionais, das técnicas e do que marca a lexislación.

O BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira por estas demoras

Neste contexto, a concelleira nacionalista presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita en que interpela o Goberno do Sr. Negreira sobre as demoras na tramitación de expedientes en relación a estas axudas e sobre a avaliación das novas unidades de atención social. María Xosé Bravo tamén pregunta se existen indicadores que midan a demora no trámite de expedientes e se diminuíu o horario asinado oficialmente para a tramitación destes expedientes desde a centralización dos Servizos Sociais.

Traballadoras e educadoras sociais denuncian que hai trámites pendentes desde o mes de agosto

María Xosé Bravo fai alusión a un informe de educadoras e traballadoras sociais en que se sinala que hai atrasos tanto no trámite como nas citas e que hai trámites pendentes (RISGA e axudas de emerxencia social) desde o mes de agosto e que levan meses pedindo a elaboración dun indicador que mida a demora do trámite de expedientes, unha petición que o Goberno do Sr. Negreira non quere resolver.

O BNG denuncia atrasos inxustificábeis en axudas de emerxencia e na Risga