O BNG cualifica de "malgasto" soterrar 4 millóns no túnel da Mariña

O BNG cualifica de "malgasto" soterrar 4 millóns no túnel da Mariña

A Coruña, 8 de outubro de 2013.- Sobre o anuncio realizado esta mañá polo edil de Urbanismo acerca dos orzamentos municipais para 2014, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os 4 millóns que o PP soterrará no túnel da Mariña o ano que vén non se poden cualificar de investimento, senón de malgasto. Trátase dunha obra que non lle corresponde pagar ao Concello e que só responde aos intereses da Autoridade Portuaria, que poderá especular coa venda dos peiraos unha vez estean desafectados e unha vez fique liberada a superficie do viario.

Que o túnel é absolutamente innecesaria é algo que desprende a propia memoria do PEPRI, que sinala que a accesibilidade na zona da Mariña “está suficientemente garantida nas condicións actuais”. De feito, este documento advirte do posíbel “efecto chamada ao tráfico do túnel” e pon de manifesto a “inexistente” conexión viaria neste ámbito.

O BNG considera inverosímiles as contas de Urbanismo

Amais de criticar que se dediquen 4 millóns de euros a un túnel carente de sentido, o BNG reproba que o PP presuma dos investimentos a realizar na área de Infraestruturas e Urbanismo, xa que son, a todas as luces, inverosímiles.

O BNG pon como proba os investimentos recollidos nos orzamentos de 2013 (na súa meirande parte correspondentes a esta Concellaría), dos que só se executara, a mes de outubro, o 32%; é dicir, a outubro de 2013, o PP tiña sen gastar o 68% dos investimentos recollidas nas contas vixentes.

Unha cidade “máis ecolóxica” que non recicla

Por último, sobre a presentación dos orzamentos da área de Medio Ambiente, o BNG lamenta que o Goberno do PP fachendee de que A Coruña será “una ciudad más ecológica”, cando o Sr. Negreira permita que a concesionaria do servizo de tratamento de residuos sólidos urbanos non estea a reciclar na planta de Nostián.

O BNG cualifica de "malgasto" soterrar 4 millóns no túnel da Mariña