O Bloque insta ao Goberno municipal a que esixa ao Sergas ampliar o horario do COF

Exterior do Centro de Planificación Familiar na rúa Tui en Monte Alto
O Bloque insta ao Goberno municipal a que esixa ao Sergas ampliar o horario do COF

A Coruña, 29 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar esta mañá unha iniciativa no Concello na que se insta ao Goberno municipal a que esixa ao Sergas a apertura polas tardes do Centro de Planificación Familiar.

O BNG presenta unha iniciativa na que se insta ao Goberno municipal a que esixa ao Sergas a apertura polas tardes do Centro de Planificación Familiar

As nacionalistas, na súa iniciativa, lembran que o Centro de Planificación Familiar da Coruña, en virtude do concerto asinado desde 1986, ten comprometido o seu mantemento compartidamente entre o Concello e o Sergas.

Sen embargo, continúa explicando o Bloque, no seu día a xerencia do Sergas decidiu reducir as horas de atención e na actualidade non hai horario de atención de tarde, polo que a atención ao público se fai unicamente en horario de mañá, luns, martes, mércores e venres de 9.00 a 14.00 horas e os xoves de 11.30 a 14.00 horas.

As nacionalistas denuncian que é incongruente que este servizo, dirixido prioritariamente a adolescentes e a menores de idade, se preste nuns horarios nos que é imposíbel acudir por coincidir co horario lectivo e escolar

Exterior do Centro de Planificación Familiar na rúa Tui en Monte Alto

“Esta decisión repercute directamente, de xeito negativo, nas posibilidades de se achegaren ao Centro as e os adolescentes, xa que logo, o horario coincide co horario lectivo e escolar. Esta repercusión negativa xa se ten constatado desde o propio Centro de planificación cunha baixa no número de adolescentes que alí acoden. Asemade encádrase no planificado e sistemático desmantelamento do sistema sanitario público auspiciado pola políticas de austeridade, eufemismo para recortes, aplicación de copagamentos e promoción de privatizacións, que o PP veu impoñendo durante estes últimos anos, e que dan lugar á perda do dereito a recibir unha atención de saúde sexual e reprodutiva de calidade, accesíbel e universal” sinala Avia Veira.

O BNG lembra que, como ben recolle a páxina web do Concello, que son obxectivos do Centro o promover a saúde afectivo-sexual mediante a educación, nun clima de liberdade, respecto e aceptación das opcións afectivo-sexuais de cada persoa, que permita gozar libremente da sexualidade e da afectividade, defender os dereitos sexuais e reprodutivos, porque son dereitos básicos das persoas e ofrecer un servizo de calidade, onde as persoas poidan acudir a pedir información ou axuda de calquera tipo, para mellorar a súa sexualidade e afectividade, para a prevención dos embarazos non desexados e das infeccións de transmisión sexual, para a interrupción voluntaria do embarazo etc.

É por iso que o BNG denuncia que os obxectivos do Centro non se están a cumprir xa que as mozas e mozos que quixesen acudir a este servizo non poderían facelo posto que os horarios son totalmente incompatíbeis cos obrigados lectivos.

“Deste xeito, instamos ao Goberno municipal a que esixa ao Sergas a ampliación do horario de atención do Centro de Planificación Familiar, ampliando este o horario, e posibilitando a atención tamén polas tardes”, conclúe Avia Veira.

O Bloque insta ao Goberno municipal a que esixa ao Sergas ampliar o horario do COF