Imprimir

Avia Veira: "O Sr. Negreira vai da man dunha lei que recupera o modelo educativo do franquismo"

BNG da cidade da Coruña | 06 de febreiro de 2013

A Coruña, 6 de febreiro de 2013.- O BNG da Coruña apoia a folga estudantil e as mobilizacións convocadas para hoxe polo estudantado da nosa cidade. Precisamente, na manifestación que partiu ás 12h da Praza de Pontevedra, participaron as concelleiras nacionalistas María Xosé Bravo e Avia Veira, quen lamentaron que o Goberno municipal nin sequera permitira o debate da iniciativa que o BNG levou ao pasado Pleno ordinario para a retirada do anteproxecto da LOMCE e en apoio á folga estudantil. "O Sr. Negreira e os seus concelleiros van da man dunha lei que recupera o modelo educativo fracasado do franquismo", denuncia Avia Veira, quen advirte de que o Goberno municipal do PP está a favor de que se reforce o papel da relixión no ensino e da súa centralización. Tamén participaron na manifestación o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e a responsábel comarcal do BNG, Silvia Seixas.

A concelleira do BNG acusa o alcalde da Coruña de querer impoñer unha lei que promove un ensino sectario e elitista, que plasma a ideoloxía do Partido Popular no ensino. "O Sr. Negreira non se ruboriza ao apoiar unha lei que debilita o ensino público, que o fai menos democrático, menos galego e de menor calidade", critica. "E non só iso, o Sr. Negreira está de acordo en cederlle o ensino en exclusiva ao poder da Igrexa católica", engade.

Avia Veira pon de manifesto que a "Lei da Wertgoña" recupera as reválidas dos anos 60, no remate de 6º de primaria, de 4º da ESO e de 2º de Bacharelato. "E o xeito que ten o PP de pórlle máis trabas á promoción e de limitar ao máximo o acceso á universidade", sinala Veira, quen pon de manifesto que "o PP quere favorecer que o estudantado acceda, canto antes, a un mercado laboral precario". Ademais, denuncia que estas reválidas serán corrixidas por profesorado alleo ao centro de ensino e tanto os contidos como a avaliación serán determinados polo Ministerio de Educación.

 

Relixión terá tanto peso como filosofía ou lingua galega

A concelleira do BNG critica que a LOMCE reforce o horario da relixión e que esta materia chegue ao Bacharelato e teña como alternativa unha materia forte e avaliábel. "Deste xeito, o PP garante o máximo número de matriculacións", advirte. "A materia de relixión terá o mesmo peso que, entre outros, filosofía e terá unha maior consideración que, por exemplo, a lingua e a literatura galega", denuncia.

Tamén expón que a LOMCE centralizará o ensino e converterá a Xunta de Galiza nunha mera executora das decisións que desde o Goberno central se tomen. "Perderanse todas as competencias que estatutariamente ten reservadas a administración galega en materia de educación", alerta.

Por último, a nivel universitario, Avia Veira afirma que a Lei de Universidades do PP supón unha privatización encuberta da universidade pública. "O acesso e permanencia nas universidades son cada vez máis restritivas, con aumentos abusivos das subas dos prezos das matrículas e con reducións nas bolsas para a axuda ao estudo", conclúe.

María Xosé Bravo participa na conferencia "A LOMCE contra o ensino público galego"

Pola outra banda, o BNG informa de que mañá, xoves, a concelleira María Xosé Bravo participa na palestra "A LOMCE contra o ensino público galego", aberta ao público e organizada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

A conferencia, que terá lugar ás 20h no IES Salvador de Madariaga (Masculino), contará tamén coas intervencións de Alfonso Varela (CIG-Ensino), Daniel Candal (Comités) e Luís Sande (membro dunha ANPA).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/outras-novas/avia-veira-sr-negreira-vai-da-man-dunha-lei-recupera-modelo-educativo-do-franquismo/20130206130723003900.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal