Avia Veira: “Somos ricas en recursos e só sairemos desta se soltamos o lastre da UE e do Estado"

Avia Veira: “Somos ricas en recursos e só sairemos desta se soltamos o lastre da UE e do Estado"

A Coruña, 9 de xullo de 2013.- O BNG da cidade da Coruña comezou na tarde de hoxe os actos públicos da campaña do Día da Patria, que terán lugar nos barrios da cidade até o 25 de xullo baixo o lema “Galiza pola Soberanía”. Nesta primeira das asembleas abertas, centrada no problema do desemprego, interviron, ademais do representante da Asemblea de Parad@s da CIG, Duarte Abad, e da responsábel do Grupo de Barrio do BNG nos Mallos, Águeda Rei, a concelleira Avia Veira, quen apelou á necesidade de construírmos o noso futuro “con dignidade e soberanía”, porque “Galiza é rica en recursos e só sairemos adiante se soltamos o lastre histórico da Unión Europea e o Estado español”, afirmou. A concelleira do BNG vinculou a falta de soberanía aos problemas de moitos sectores produtivos galegos entre os que destacou o naval, pesqueiro, agrogandeiro e o pequeno comercio.

“Na Coruña temos uns sectores produtivos aos que non lles podemos sacar rendemento: pequeno e mediano comercio, polígonos industriais, universidade, ría do Burgo ou actividades marítimo-pesqueiras”, expuxo. “Temos que potenciar os sectores estratéxicos da cidade e da comarca para promover a creación de emprego e lograr que a diminución do paro sexa unha realidade e non se deba a unha cuestión estacional”, engadiu. Advertiu tamén de que “na Coruña destrúense os empregos de cen en cen, namentres o Partido Popular deixa esmorecer os nosos recursos”. Nesta liña, sinalou que “o escaso emprego que se está a crear é un emprego de carácter temporal e precario” e subliñou que “a crise non pode servir para que traguemos con todo”.

Fixo fincapé a concelleira do BNG no desemprego feminino e da mocidade. Sinalou que na Coruña “hai máis mulleres que homes no desemprego”. Así, das 23.318 persoas desempregadas, 11.149 son homes e 12.169 son mulleres. “As cifras volven demostrar que a muller sofre con maior gravidade as consecuencias da crise, tratando de facer compatíbel o traballo produtivo, o reprodutivo e o invisíbel”, afirmou. “O traballo feminino informal e vulnerábel con salarios máis baixos fai as mulleres máis débiles que os homes en tempo de crise, por iso, cómpre desenvolver políticas de fomento de emprego encamiñadas a favorecer o emprego de calidade entre as mulleres”, salientou. Na mesma liña, puxo de manifesto que os datos do paro rexistrados na nosa cidade volven obviar a realidade da emigración, especialmente da mocidade, o que amortece a suba do desemprego. A nacionalista alertou de que máis de 120.000 persoas tiveron que emigrar forzosamente desde o 2009 e, malia isto, a taxa de paro non deixou de medrar nese mesmo período.

Por último, a edila do BNG finalizou a súa intervención denunciando que en Galiza existen os salarios e pensións máis baixas de todo o Estado español e volveu reclamar soberanía en Galiza para construír un futuro, “digno, democrático, xusto e libre para todas nós”.

Avia Veira: “Somos ricas en recursos e só sairemos desta se soltamos o lastre da UE e do Estado"