Imprimir

Apoio do Pleno ás mocións sobre a Casa Cornide e as axudas á hostelaría, rexeitada a das Percebeiras

Bloque Nacionalista Galego da Coruña | 01 de outubro de 2020

O Pleno do Concello da Coruña aprobou este xoves as mocións defendidas polo BNG en relación á Casa Cornide e a respecto do sector da hostelaría, un dos máis castigados pola pandemia. En troca, e ao recibir os votos contrarios do PSOE e a abstención do PP, a moción do BNG en favor da retirada do proxecto das Percebeiras foi rexeitada. Esta última moción asumía as demandas da Asociación de Veciñas e Veciños de Labañou, até o punto de que o texto a debate foi redactado integramente por este colectivo veciñal.

A moción contra o proxecto das Percebeiras (a iniciativa pedía a súa retirada e a recualificación dos terreos como zonas verdes ou espazos dotacionais) foi a primeira en se debater no Pleno e a súa defensa correu a cargo de Avia Veira, responsábel de Urbanismo do grupo municipal do BNG.

“O Plan Especial de Labañou (coñecido como Proxecto das Percebeiras) non é un plan de acordo cos tempos nin que mire cara ao futuro”, dixo a concelleira nacionalista, quen a seguir engadiu que “responde a un urbanismo carca doutra época”, segundo o cal non debía ficar un metro cadrado da cidade sen construír, nas antípodas do proxecto da Coruña que ten o BNG.

A pandemia, enfatizou Avia Veira, deixounos entre outras a ensinanza dos perigos que entraña densificar as cidades. “Alén diso, facelo na beiramar supón un atentado contra a paisaxe e o incumprimento de normas de rango superior ao PXOM”, denunciou, ao tempo que alertou de que o proxecto tapa tamén as vistas da Torre de Hércules.

Avia 1

Plantar mamotretos na beiramar, nunha das últimas zonas verdes naturais que fican no bordo litoral. Niso consiste o proxecto das Percebeiras, sinalou Veira. Aumentar en máis de mil persoas o censo de habitantes de Labañou, co seu correspondente parque de vehículos privados, resulta, alén do máis, contrario a calquera estratexia contra o cambio climático, sen que, polo demais, concorra neste caso o suposto da alta demanda de vivendas. Recordou a este respecto a concelleira nacionalista que A Coruña ten hoxe menos poboación que en 2013, ano en que se aprobou a última revisión do PXOM, e que desde aquela altura só se contruíu o 5% das moradas previstas no plano.

“Se do que se trata é de colmatar a cidade, o bordo litoral non é o único solo dispoñíbel: temos Xuxán por acabar de desenvolver e A Coruña está inzada de esqueletos de edificios sen rematar”, alegou Avia Veira.

En definitiva, concluíu, o BNG apoia “as veciñas e veciñas de Labañou e por iso presentou este texto ao Pleno da Corporación”, en que se demanda a retirada do coñecido como Proxecto das Percebeiras e en que se pide modificación puntual do PXOM para a recualificación dos terreos como zonas verdes e dotacionais.

A moción foi rexeitada ao obter os votos favorábeis de BNG e Marea Atlántica fronte á  oposición de PSOE e Grupo Mixto, en tanto que o PP optou pola abstención.

CASA CORNIDE

Francisco Jorquera foi quen tomou a palabra para defender a moción sobre a Casa Cornide, asinada conxuntamente coa Marea Atlántica. O BNG facía súa nesta ocasión unha iniciativa promovida por Defensa do Común e diversos axentes veciñais, sociais, políticos e sindicais.

Con esta iniciativa, o BNG e demais colectivos impulsores pretenden activar as accións xudiciais para lograr a restitución ao Concello da titularidade da Casa Cornide, declarar a presenza da familia Franco na nosa cidade como non grata e expresar a solidariedade da Corporación co colectivo ‘9 de Cornide’, as e os activistas que serán xulgados o próximo 14 de outubro após seren denunciados polos parentes do ditador polo simples feito de teren despregado unha faixa sobre a fachada do inmóbel coa lenda “Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”.

A Casa Cornide, evocou Jorquera, acabou en mans dos Francos “froito dunha operación fraudulenta que non tiña outro obxectivo que satisfacer os antollos da esposa do ditador”.  Pois ben, agora que o Pazo de Meirás está máis perto que nunca de ser restituído ao patrimonio público tórnase especialmente urxente activar as xestións para a Casa Cornide transitar polo mesmo vieiro, tendo en conta, alertou Jorquera, que “en pleno xuízo polo Pazo de Meirás, os Franco apresáronse a pór en venda esta xoia do barroco coruñés, tentando blindar o saqueo”.

FJ

“Urxe, pois, impulsar a Declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural e tan axiña  como conclúan os informes en trámite, iniciar as accións legais para este inmóbel ser devolvido ao pobo da Coruña”, remarcou o voceiro nacionalista.

E é preciso tamén que o Pleno se solidarice con aquelas persoas, as e os activistas do colectivo ‘9 de Cornide’, que protagonizaron un acto cívico e simbólico para demandar que a Casa volva a ser do pobo coruñés. Vanos xulgar o 14 de outubro e vanos xulgar após seren denunciados polos Franco. “O mundo ao revés”, dixo Jorquera. Os espoliadores a demandar a quen ousaron denunciar o espolio. “É necesario que o Pleno se solidarice con estes activistas da memoria histórica”, concluíu Jorquera.

O texto que finalmente se submeteu a votación foi o produto da aceptación por parte do BNG dunha emenda do PSdeG que non alteraba a esencia da parte resolutiva da iniciativa. A moción foi aprobada cos votos afirmativos de PSOE e Marea Atlántica, mentres que o PP preferiu absterse.

MOCIÓN SOBRE A HOSTELARÍA

A terceira e última das mocións nacionalistas pivotou arredor das dificuldades polas que atravesa a hostelaría, un dos sectores máis duramente castigados pola pandemia. “Os titulares de moitos locais están nunha situación desesperada”, subliñou Jorquea, quen aproveitou a súa intervención para expresar a solidariedade do BNG  con Lolo Villaverde, “propietario do pub Área Crítica, que se declarou en folga de fame para reivindicar o dereito ao traballo”.

O voceiro nacionalista pormenorizou algunhas das demandas das e dos hosteleiros: que se axilicen os trámites de concesión das licenzas administrativas, que se estableza un plano específico de desescalada para os locais de ocio nocturno ou que se avance na transparencia e axilidade na concesión das axudas do PRESCO.

Se a situación é grave en xeral, éo máis se cabe no caso dos cafés bares especiais (pubs) e salas de concertos. Os primeiros teñen suspendida a súa actividade, excepción feita das terrazas, desde o 1 de xuño, por teren o rótulo de establecementos de ocio nocturno.

20201001_100144

“O sentido común parece ditar que os pubs deberían poder abrir como cafetarías convencionais, entre as 10 da mañá e a hora límite de peche, loxicamente sempre que se cumpran estritamente as limitacións de capacidade e as medidas sanitarias”, remarcou Jorquera.

Cumprindo tamén estes requisitos, o lóxico sería que as salas de concertos deberían voltar a programar actuacións, tendo en conta que xogan un rol fundamental na dinamización da cultura na cidade e tamén como espazos de socialización, defendeu o voceiro nacionalista.

En todo caso, Jorquera celebrou que o Goberno Local se comprometese nas últimas horas, e despois de o BNG rexistrar no Concello esta iniciativa, a “poñer en práctica algunhas das medidas que se propoñen nesta moción”.

Anunciou, por último, a aceptación dunha emenda formulada polo PP “porque aínda que introduce pequenos matices ao noso texto non altera no substancial aquilo que demandamos”.

Esta moción foi aprobada por unanimidade.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/apoio-do-pleno-mocions-casa-cornide-axudas-hostelaria-rexeitada-das-percebeiras/20201001162959008864.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal