Imprimir

Tres anos despois, a consulta sobre os terreos do porto segue pendente

BNG | 25 de febreiro de 2019

Francisco Jorquera este luns en Radio Coruña.
Francisco Jorquera este luns en Radio Coruña.

O goberno municipal anuncia un proceso participativo para que a veciñanza avalíe as ideas do concurso para o porto, mentres a consulta popular acordada en 2016 ficou nun caixón.

“Paréceme ben que se consulte á cidadanía sobre os proxectos para o porto saídos dese concurso, pero falta a consulta fundamental: a consulta a toda a cidade sobre se eses terreos deben reverter para o público e se deben facelo sen ningún tipo de hipoteca económica”, dixo Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, nun debate este luns na SER co responsábel municipal de urbanismo, Xiao Varela, e representantes do PSOE e do PP. “Esa consulta parte dun mandato á corporación que non se ten feito efectivo porque o goberno municipal non fixo nada por facelo efectivo”.

 

Refírese Jorquera a unha moción aprobada no pleno do 6 de marzo de 2016 e que leva as sinaturas de Avia Veira, a concelleira do BNG, e do Alcalde. Naquela moción, presentada conxuntamente polo BNG e o grupo do goberno municipal, e que saíu adiante cos votos destas dúas formación fronte a abstención do PSOE e a negativa do PP, instábase á Alcaldía “no prazo máis breve posíbel” a someter ao pleno “na súa parte resolutiva un punto separado (...) co obxecto que se debate e aprobe (...) esta Consulta Popular”. A moción indicaba que o expediente preciso para a convocatoria da consulta popular sobre os terreos do porto xa fóra iniciado polo Alcalde unha semana antes.

 

A pregunta, acordada naquel pleno, era: “Está vostede de acordo coa devolución gratuíta ao Concello da Coruña para uso público de La Solana e Hotel Finisterre, cando acabe a concesión en 2027, de todos os terreos portuarios a desafectar, do cárcere e dos terreos do Campo da Estrada, e que o Estado asuma o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións?”.

 

Case tres anos despois, a consulta segue pendente. Jorquera acusou esta mañá ao goberno municipal de carecer do “liderado” e da “forza negociadora” necesarias para acometer unha negociación co Estado que poida traer unha solución como a do porto de Valencia. E subliñou o erro deste goberno por non ter convocado esa consulta popular que lle podería ter dado esa forza. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/anos-despois-consulta-terreos-do-porto-carcere-segue-pendente/20190225193444008190.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal