ACCESIBILIDADE

Accesibilidade universal para o CEIP Emilia Pardo Bazán

Vista exterior da pista deportiva do CEIP Emilia Pardo Bazán de aaceso limitado por medio de escaleiras
Vista exterior da pista deportiva do CEIP Emilia Pardo Bazán de acceso limitado por medio de escaleiras

Solicitamos no Parlamento de Galiza os investimentos necesarios para dotar o CEIP Emilia Pardo Bazán dunha accesibilidade universal

Recollemos esta solicitude na visita realizada ao barrio dos Rosais nestes días e procedemos a trasladar a proposta a través do noso Grupo Parlamentar

Entendemos que corresponde ás administracións educativas asegurar un sistema educativo inclusivo en todos os niveis educativos e garantir un posto escolar ao alumnado con discapacidade, sexa temporal ou permanente, prestando atención á diversidade de necesidades educativas do alumnado, ademais de ser obriga da Xunta de Galiza realizar todas aquelas obras e actuacións que, polas súas características e envergadura, signifiquen un investimento necesario e superior a aquelas obras de rango menor, de mantemento e conservación, que se puideran asumir polo Concello da Coruña, algo que neste caso, e por tratarse dunha actuación integral e que afectaría a varias partes da estrutura do edificio, é evidente

Accesibilidade universal para o CEIP Emilia Pardo Bazán

Vimos de presentar varias iniciativas no Parlamento de Galiza relativas ás condicións de accesibilidade no CEIP Emilia Pardo Bazán.

Esta solicitude recollémola na visita realizada ao barrio dos Rosais nestes días e xa procedemos  a trasladar a proposta a través do noso Grupo Parlamentar, formulando unha Proposición non de Lei para que o Parlamento galego inste á Xunta de Galiza a que acometa no CEIP, á maior brevidade, as obras de adaptación do centro contempladas na Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade e no Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

As instalacións do centro están divididas en dous planos, edificio educativo e pistas polideportivas, que están comunicados mediante escaleiras, que impiden ás persoas con mobilidade reducida e con diversidade funcional o acceso ás zonas, polo que é necesario realizar obras necesarias para a súa adaptación.

Acceso de vehículos desde o exterior do Centro cunha rampla non adaptada e tamén escaleiras para as instalacións

Asemade, continúan desde a formación nacionalista, o acceso desde a entrada de vehículos (desde a travesía dos Rosais) comunica coa zona inferior, polo que calquera persoa con diversidade funcional non pode acceder a outras instalacións que non sexan as que se sitúan no devandito plano. Asemade, a rampla de acceso desde o aparcamento tampouco reúne as condición mínimas requiridas para poder ser empregada por persoas con algún tipo de discapacidade física, cun desnivel moi superior ao mínimo posíbel para se desenvolver individualmente sen axuda de terceiros.

Igualmente, achegamos xunto con esta Proposición non de Lei sendas preguntas, unha para a súa resposta por escrito, e outra para o seu debate en comisión, nas que lle pregunta á Xunta de Galiza se é coñecedora da situación actual do centro e se ten previsto realizar as obras de adaptación, facendo cumprimento do dereito ao acceso universal a todas as instalacións do recinto educativo.

Entendemos que corresponde ás administracións educativas asegurar un sistema educativo inclusivo en todos os niveis educativos e garantir un posto escolar ao alumnado con discapacidade, sexa temporal ou permanente, prestando atención á diversidade de necesidades educativas do alumnado, ademais de ser obriga da Xunta de Galiza realizar todas aquelas obras e actuacións que, polas súas características e envergadura, signifiquen un investimento necesario e superior a aquelas obras de rango menor, de mantemento e conservación, que se puideran asumir polo Concello da Coruña, algo que neste caso, e por tratarse dunha actuación integral e que afectaría a varias partes da estrutura do edificio, é evidente.

A Coruña, 2 de agosto de 2017.

Accesibilidade universal para o CEIP Emilia Pardo Bazán