OUTROS 35,3 PARA A COMARCA

24 emendas para aumentar en 52,9 millóns os orzamentos da Xunta

Rolda de prensa presentación emendas BNG aos orzamentos da Xunta para 2020, con Ana Pontón.
Un momento do Café de Redacción.
As contas da Xunta destinan só 84 millóns de euros á nosa cidade. Para entendermos que significa iso, pensemos que o total do investimento na Galiza ascende a 1.691 millóns de euros. Ou, dito doutro xeito, o investimento por habitante na Coruña é inferior en 43,5 por cento á media galega. Para corrixir esta situación o BNG presenta 24 emendas a eses orzamentos. De seren aprobadas, A Coruña recibiría 52,9 millóns de euros máis, mentres que o incremento na comarca alcanzaría os 35,3 millóns.
24 emendas para aumentar en 52,9 millóns os orzamentos da Xunta

Ana Pontón, Francisco Jorquera e Avia Veira presentaron na mañá deste martes as emendas, un total de 24, que o BNG formula aos orzamentos da Xunta para 2020. O obxectivo é incrementar moi significativamente as partidas que as contas destinan á cidade e á comarca. A presentación produciuse durante un café de redacción cos medios locais, no espazo obradoiro e ultramarinos cultural "El García" (San Roque número 18).

"As emendas do BNG corrixen o maltrato de Feixoo á Coruña", explicou Ana Pontón e fano cunha aposta por "máis benestar social e económico". "O proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 non atende as necesidades sociais da cidade e a súa comarca, nin vai contribuír á dinamización económica e a xeración de emprego", remarcou Jorquera, quen salientou que as propostas do BNG para mudar os orzamentos trasladan os elementos máis sustantivos das "reclamacións aprobadas polo Pleno do Concello da Coruña naquela sesión extraordinaria [convocada conxuntamente por BNG e a Marea Atlántica] que tivo lugar o pasado 12 de novembro".

Entre as 24 demandas, cabe destacar polo seu maior impacto económico os 19 millóns de euros que o BNG propón aplicar no levantamento da peaxe na AG 55 (A Coruña-Carballo) ou os 20 que se destinarían a "rescatar terreos portuarios" da especulación co fin de transformar a fachada marítima, esta última unha proposta que retomaría "o compromiso explicitado no seu momento polo presidente da Xunta diante dos titulares de Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña".

Indo máis ao miúdo das emendas, en materia sanitaria, o BNG propón aumentar a partida destinada ao Plan Director do CHUAC (2,5 millóns de euros), a inclusión dunha partida específica para a construción do centro de saúde no mercado de Santa Lucía (4 millóns), a dotación de profesionais sanitarios e prestación de servizos no COF do Ventorrillo (250 mil) e nos centros de saúde da Coruña (1.250.000 euros).

No capítulo educativo, as emendas do BNG disponibilizarían 6 millóns de euros para acometer a modernización de varios CEIPs da cidade, a construción dunha nova escola infantil (2,5 milóns) e a rehabilitación das instalacións do Centro Social Santiago Apóstolo hoxe en desuso para o seu posterior emprego para usos educativos e sociais (2 millóns de euros).

En Política Social habería unha partida para a construción dun centro de día (1 millón de euros) e outra idéntica na contía económica para ampliar a dotación do Plan Concentrado de Servizos Sociais.

O BNG formula tamén emendas para diversas actuacións na Ría do Burgo (6,3 millóns), para pór en marcha un plano de desenvolvemento industrial comarcal (5 millóns) e para dotar unha partida específica para a Cidade das TIC (5 millóns). 

Canto ás infraestruturas, o BNG propón aumentar os orzamentos da Xunta en 5 millóns de euros para a Intermodal, ben como 5 millóns para a prolongación da Vía Ártabra (AG-13) até a A-6).

Finalmente, o BNG pide a implementación dun Plan nacional contra a ludopatía, dotado con 5 millóns de euros, pois este é un fenómeno social que castiga especialmente a nosa cidade, e nomeadamente a súa mocidade, ben como tamén incrementar a achega ao Consorcio de Promoción da Música para saldar a débeda da Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galiza.

 

24 emendas para aumentar en 52,9 millóns os orzamentos da Xunta