Imprimir

«Labazada envolta en cinismo»

BNG | 19 de xaneiro de 2019

Ana Pontón sobre os orzamentos do Estado en 'La Voz de Galicia'. 

Os Presupostos que vén de presentar Sánchez son unha nova mostra da inutilidade das forzas estatais para Galiza. Despois dunha década de recortes do Partido Popular, chegan os socialistas -cun pacto co grupo de Podemos e En Marea- e dannos outra labazada na cara de todos os galegos e galegas cunhas inversións ridículas. Nun país que non recuperou o emprego perdido durante a crise, con precariedade e emigración, con graves desequilibrios sociais, ser o territorio onde máis baixan as inversións é ofensivo, impresentábel e significa poñer paus nas rodas ao noso desenvolvemento. Máxime cando o Estado non saldou a débeda histórica con Galiza. E, por riba, pretenden envolvernos esa discriminación en papel de cinismo. Cinismo dun PP e dun Feijoo que xustificou todos os recortes e incumprimentos con Galiza cando gobernaba o seu partido, e que agora, amnésico, clama contra o agravio. Cinismo dun PSOE que dicía que 900 millóns de euros eran nefastos e antisociais, mais que agora ve 757 millóns como «realismo»... e nin se ruborizan! Cinismo do grupo de Podemos e En Marea dándose golpes no peito ante a discriminación, esquecendo que estes orzamentos son o resultado do pacto que asinaron co PSOE. Quizais cando tocou falar de Galiza saíron da sala de negociación?


Unha tomadura de pelo por moito que a envolvan en papel de cinismo. Porque a realidade é que as inversións no territorio galego sitúanse na cifra máis baixa en 17 anos, mentres outros avanzan: Andalucía conta con 2.132 millóns de euros e sobe un 43,85 %; Cataluña, con 2.051 millóns de euros, aumenta un 51,8 %; Valencia, con 1.189 (9,8 % máis), e Castela e León recibe 1.094 millóns, cunha suba do 9,4 %. É impresentábel. A pelota está no tellado dos 23 deputados e deputadas galegas. Menos xogos florais e máis política con maiúsculas. 


Se os Presupostos son malos malísimos, só hai un camiño: presentar emenda de devolución e negociar con Sánchez inversións dignas. Hai que exercer como nación, ninguén nos vai agasallar nada. Necesitamos, como mínimo, investimentos similares aos de 2009, cando o BNG condicionaba os Presupostos do Estado, e demandar solucións aos nosos problemas: rescate da AP-9 para poñer fin á estafa das peaxes, tarifa eléctrica galega, rexeneración integral das rías e do litoral, fin da prórroga de Ence, devolución do pazo de Meirás, tren de proximidade, modernización de toda a liña ferroviaria e conexións cos portos, pago da débeda de dependencia e que o Estado asuma o custo de Punta Langosteira. Galiza non merece menos.

 

Publicado en La Voz de Galicia o 18/01/2019

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/%C2%ABlabazada-envolta-cinismo%C2%BB/20190119010516008116.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Bloque Nacionalista Galego da Coruña

Rúa Damas 4, baixo.
15001, Cidade Vella, A Coruña.
Teléfono: +34 981 168 977 - +34 669 381 398
Correo: bngacorunha@gmail.com - bng@coruna.gal - bngacoruna@bng.gal