AP-9

Queremos que a AP-9 sexa xestionada desde aquí

Presentación da iniciativa coas concelleiras e concelleiros do BNG da comarca
Presentación da iniciativa coas concelleiras e concelleiros do BNG da comarca

Rexistramos unha moción contra o veto de Fomento ao debate da Proposición de Lei do Parlamento galego que procuraba a transferencia da AP-9 a Galiza

A iniciativa será presentada en todos os concellos da Comarca e simplemente solicita que se cumpra a Proposición de Lei para que sexa a Xunta de Galiza quen xestione a principal vía de comunicación das galegas e dos galegos

A decisión de Fomento de vetar a tramitación nas Cortes Xerais contrasta coa súa medida de rescatar as radiais madrileñas, xestionadas pola banca e as construtoras amigas do PP, con 8.000 millóns de euros públicos

A AP-9 é unha infraestrutura que vertebra a Galiza máis poboada e é empregada todos os días por milleiros de persoas que teñen que pagar unhas peaxes absolutamente abusivas, se o Estado transferise esa autoestrada poderiamos decidir sobre maneira de xestionala e sobre os prezos que pagamos por usala

Queremos que a AP-9 sexa xestionada desde aquí

A AP-9 é unha autoestrada que abrangue unha parte moi importante do territorio galego, ao conectar toda a franxa atlántica e catro das sete cidades galegas. Malia o seu carácter vertebrador, a AP-9 continúa a depender do Goberno Central, que mantén unhas peaxes desorbitadas que limitan o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos, e lastran o desenvolvemento de sectores económicos galegos. As competencias e a xestión desta autoestrada por parte do Estado é motivo de controversia, non só polas abusivas peaxes, senón tamén polo deterioro e servizo deficiente que presta a concesionaria, coa complicidade do Goberno central.

O propio Executivo central, mediante unha comunicación trasladada o pasado 14 de outubro, en base a un suposto incremento orzamentario, indicaba a súa desconformidade coa tramitación nas Cortes Xerais da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza, aprobada por unanimidade ao final da pasada lexislatura por todos os grupos do Parlamento de Galiza, incluído o Partido Popular que, pola contra, en Madrid boicoteou esta iniciativa.

Neste sentido, non é a primeira vez que o Partido Popular xoga á confusión votando unha cousa no Hórreo e a contraria no Congreso dos Deputados, xa aconteceu coas preferentes ou coas proposicións acerca dos abusos de Facenda sobre os emigrantes retornados. E por iso desde o BNG presentamos unha moción para o seu debate no Pleno ordinario de novembro, que se celebrara o día 7, moción que tamén será presentada e debatida en todos os concellos da nosa comarca.

Pretendemos con esta moción que todos os grupos políticos da Corporación, reafirmen e apoien a iniciativa aprobada no Parlamento de Galiza que ten como finalidade superar un marco competencial onde Galiza nin decide nin opina sobre a xestión da vía de alta capacidade máis importante do punto de vista social e económico do país, e aspira a que desde Galiza se tome o control desa autoestrada, para rematar coas deficiencias na súa xestión, as tarifas abusivas e mesmo que sexa empregada como obxecto especulativo por parte de grandes fondos de investimento dados os altos beneficios que xera, a custa do peto de sufridos usuarios e usuarias, co modelo de xestión que ten a administración central da AP-9.

Con esta moción pretendemos que a Corporación do Concello da Coruña tamén se sume ao consenso político acadado no Parlamento de Galiza e apoie expresamente a defensa da iniciativa lexislativa para reclamar a transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galiza, nos termos aprobados polo Parlamento de Galiza.

Por último, tamén pretendemos expresar o rexeitamento a que unilateralmente e sen xustificación, dun xeito totalmente arbitrario e despectivo cara a principal institución representativa de Galiza, a Xunta de Galiza, mesmo se impoña un veto ao seu debate e tramitación nas Cortes Xerais. Polo tanto, tamén estamos a reclamar que se garanta un elemental dereito democrático por parte do Goberno central, a que unha iniciativa de tanta importancia para Galiza sexa debatida e sometida a consideración do Congreso e do Senado, non simplemente a ser arquivada sen ter a oportunidade de a poder facer valer.

Asemade, constitúe un agravio comparativo e unha discriminación parapetarse nun suposto incremento orzamentario para vetar o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galiza e poder abaratar o seu custe para as usuarias e usuarios, cando se van achegar cantidades multimillonarias de diñeiro do orzamento público para rescatar autoestradas quebradas en Madrid, e que non redundarán precisamente nun beneficio das persoas que as usan, senón que irán directamente para compensar ás construtoras e á banca que tamén impulsaron esa ruinosa construción de vías de alta capacidade.

 

A Coruña, 30 de outubro de 2016

Queremos que a AP-9 sexa xestionada desde aquí