Transparencia: O Goberno do PP foi condenado por vulnerar dereitos fundamentais de edís do BNG

Transparencia: O Goberno do PP foi condenado por vulnerar dereitos fundamentais de edís do BNG

A Coruña, 5 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera fóra de lugar as declaracións do Sr. Negreira nas que presume de transparencia no Concello da Coruña. E é que o alcalde, ao que tanto se lle enche a boca ao falar de transparencia, xa recibiu dous tiróns de orellas por practicar a opacidade e o escurantismo.

A proba máis evidente de que o Goberno local do PP non é modelo de transparencia e si é modelo de opacidade é que foi condenado polos tribunais por vulnerar os dereitos fundamentais de concelleiros do BNG ao lles impedir o acceso a documentación municipal. Así, o Goberno do Sr. Negreira foi condenado por denegar o acceso ao expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011 e por impedir o acceso ás auditorías da planta de Nostián.

O Goberno do Sr. Negreira, condenado por denegar o acceso ao expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011

O Grupo Municipal do BNG lembra que o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña fallou a favor do Bloque na sentenza de 20 de setembro de 2012 por vulnerar os dereitos fundamentais do entón edil nacionalista Xan Caxigal. O Goberno municipal interpuxera recurso contra esta sentenza, mais o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) desestimou este recurso e ratificou a condena ao Goberno municipal na sentenza de 21 de febreiro de 2013. Non cabía recurso ordinario contra esta sentenza do TSXG que lle deu a razón ao BNG e, ademais, o TSXG impúxolle ao Goberno do Sr. Negreira as costas que resultaron en segunda instancia.

O Goberno do Sr. Negreira, condenado tamén por denegar o acceso ás auditorías da planta de residuos de Nostián

Pola outra banda, o Bloque lembra que, ademais, o Goberno do Sr. Negreira foi condenado por sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 3 da Coruña, de 15 de novembro de 2013, por vulnerar os dereitos fundamentais do portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, por impedirlle o acceso ás auditorías de Nostián. Como no caso anterior, o Goberno do Sr. Negreira interpuxo recurso de apelación ante o TSXG, mais desistiu posteriormente logo de verse forzado a entregar os informes das auditorías aos membros da oposición, confirmándose a sentenza de instancia por vulneración de dereitos fundamentais do portavoz nacionalista.

Transparencia: O Goberno do PP foi condenado por vulnerar dereitos fundamentais de edís do BNG