A suba do paro, con 10 persoas máis no desemprego ao día, impacta máis nas mulleres

A suba do paro, con 10 persoas máis no desemprego ao día, impacta máis nas mulleres

A Coruña, 2 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os datos do paro relativos ao mes de setembro son peores do esperado, na medida en que supoñen 434 persoas paradas máis que en setembro de 2012, cun total de 22.924 persoas desempregadas. O impacto do desemprego é maior este ano que no ano anterior, pois mentres que en setembro de 2012 o paro subía en 13 persoas respecto agosto, en setembro de 2013 o paro sobe en 295 persoas respecto o mes de agosto.

As nacionalistas advírtenlle ao Goberno do Sr. Negreira de que o aumento do paro está a impactar máis nas mulleres que nos homes. De feito, no mes de setembro, de 22.924 persoas no desemprego, foron ao paro 10.780 homes e 12.144 mulleres. De aí que o BNG insista en que urxen medidas de fomento do emprego para as mulleres, que loitan cada día por tratar de facer compatíbel o traballo produtivo, o reprodutivo e o invisíbel.

O BNG sinala, ademais, que as 22.924 rexistradas nas listaxes do desemprego no mes de setembro son aínda maiores, xa que os datos oficiais obvian o drama da emigración, especialmente da mocidade, feito que amortece a suba do desemprego.

 

 

A suba do paro, con 10 persoas máis no desemprego ao día, impacta máis nas mulleres