O Sr. Negreira vese obrigado a cambiarlle o nome a primeira exposición de Picasso

O Sr. Negreira vese obrigado a cambiarlle o nome a primeira exposición de Picasso

A Coruña, 5 de xullo de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego sinala que o Real Decreto Lei 8/2014 de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, aprobado no día de onte en Consello de Ministros, evidencia unha nova trapallada do Goberno Municipal do Partido Popular. De acordo co estabelecido neste Real Decreto-Lei semella que non se solicitou autorización da marca Picasso para a conmemoración da primeira exposición de Picasso baixo a denominación “120 años de la Primera Exposición de Picasso. A Coruña, febrero-mayo de 2015”. E esta aparente falta de autorización para uso desta marca fai que haxa que empregar outra, evidenciándose con isto, unha vez máis, que a xestión do Goberno Local do Partido Popular nada ten a ver coa eficiencia e a eficacia senón coa trapalleirada.

Así na exposición de motivos da norma publicada no BOE no día de hoxe sinálase que “La Comisión Interadministrativa gestora del acontecimiento ha informado que el programa de apoyo a este acontecimiento no ha podido ponerse en marcha por restricciones de marca impuestas por la entidad «Picasso Administration», titular de la marca Picasso, por lo que no es posible abordar la campaña de patrocinios y mecenazgo utilizando esta marca”. Desta maneira o Real Decreto-Lei obriga a mudar a denominación por «A Coruña 2015-120 años después» que si autorizou a Picasso Administration (http://www.picasso.fr/es/picasso_pagina_picasso-administration.php) que é a sociedade que xestiona a sucesión herditaria de Picasso e que está ao servizo da Sucession Picasso (http://www.picasso.fr/es/picasso_pagina_sucesion.php).

As nacionalistas salientan que os cinco herdeiros de Picasso e que conforman a Sucession Picasso (Maya Ruiz Picasso, Claude Ruiz Picasso (administrador da Sucession Picasso), Paloma Ruiz Picasso, Bernard Ruiz Picasso e Marina Ruiz Picasso) son precisamente aquelas persoas ás que, entre outras, se dirixiu o Concello da Coruña para formar parte do Comité de Honra da exposición e que foron incluídos, malia que non aceptaron formalmente formar parte deste Comité dado que non houbo contestación expresa neste sentido. Así o reflicte a documentación da Xunta de Goberno Local de 13 de xuño onde se constituía o comité de honra da conmemoración. A pesar de que non emitiron o seu consentimento, están integrados no Comité, posto que nas cartas enviadas se lles indicaba que, en caso de non haber contestación, entendíase que tacitamente aceptaban formar parte del.

As nacionalistas esperan que non haxa máis sorpresas a este respecto, non vaia ser que, ademais da mudanza da denominación do evento, haxa que engadir posteriormente cambios neste Comité de Honra no caso daqueles familiares de Picasso que foron incluídos sen teren emitido consentimento ou aceptación formal expresa.

O Sr. Negreira vese obrigado a cambiarlle o nome a primeira exposición de Picasso