A praia do Areal, sen servizo de socorrismo e duchas cando se abre oficialmente a temporada de baño

A praia do Areal, sen servizo de socorrismo e duchas cando se abre oficialmente a temporada de baño

A Coruña, 16 de xuño de 2014- Malia que o día de onte comezou oficialmente a temporada de baño nos areais da Coruña coa entrada en servizo dos equipos de socorrismo, a praia do Areal (As Lapas) carecía non só de socorristas, senón tamén de duchas habilitadas. De feito, a día de onte, nin sequera estaban instaladas. Precisamente, o Grupo Municipal do BNG denunciaba o pasado venres a tardanza do Goberno do Sr. Negreira en poñer a punto as praias, pois segundo puideron saber as nacionalistas a concesionaria aínda estaba instalando duchas e lavapés o propio venres.

Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG rexistrou unha batería de preguntas escritas para coñecer a que se debeu que a praia do Areal, ateigada no día de onte dadas as altas temperaturas, non contara con equipo de socorrismo nin coas duchas instaladas nin cos aseos habilitados tendo en conta que dera comezo oficialmente a temporada de baño. O BNG tamén pregunta se só se deixou sen socorristas a praia do Areal ou foron máis as praias afectadas.

Por último, as nacionalistas fan alusión ás queixas de usuarios e usuarios da zona verde que rodea a praia, xa que aínda non foi desbrozada na súa meirande parte e non pode ser empregada nin para descansar á sombra nin para tomar o sol.

A praia do Areal, sen servizo de socorrismo e duchas cando se abre oficialmente a temporada de baño