O PP vai rebaixar a porcentaxe de vivendas protexidas na Coruña

O PP vai rebaixar a porcentaxe de vivendas protexidas na Coruña

A Coruña, 23 de febreiro de 2015.- Mediante unha resolución do pasado 5 de decembro de 2015 o concelleiro de Urbanismo adxudicou a dedo, á entidade Lumieira Gestión Urbanística S.L., a redacción dun documento que ten por obxecto rebaixar a porcentaxe de reserva para vivenda protexida.

Na actualidade dita reserva no PXOM é do 41%, mais a Lei de vivenda de Galiza actualmente vixente (reforma aprobada polo PP en 2012) permite que a reserva se fixe en función do número de persoas inscritas no rexistro de demandantes do IGVS, e que, de aprobarse, suporía que o concello, por un simple acordo do Pleno, pase do 40% ao 8,26% (porcentaxe que estabelece a Resolución do Instituto Galego de Vivenda e Solo, publicada no DOG de 23 de xaneiro de 2015 (*).

Cómpre lembrar que o PXOM aprobado definitivamente en 2013 prevé unha reserva para VP do 41%, equivalente a 1.511.235 m2 (15.000 novas vivendas protexidas) (**) .

As nacionalistas salientan que coa rebaixa o Concello da Coruña mostra, máis unha vez, o seu total desinterese pola vivenda protexida e a súa entrega aos grandes promotores. E é que a redución da oferta desta tipo de vivenda implica o aumento do prezo da vivenda libre e o incremento dos beneficios dos promotores privados.

(*)http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150123/AnuncioC3Q2-160115-0001_gl.html

(**) Páx. 140- Memoria PXOM