O PP considera o pazo de María Pita un "coto privado"

O PP considera o pazo de María Pita un "coto privado"

A Coruña, 21 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira ten unha concepción moi patrimonialista e excluínte das cousas públicas e do ben común despois de certificarse que non lle cede aos grupos da oposición un espazo en que reunirse co Comité de Empresa de Albada, a pesar de que esta decisión sectaria non se ampara nin no Regulamento Orgánico Municipal nin en ningunha ordenanza. Así, as nacionalistas retan o Goberno municipal a dicir cal é a norma que aplica para denegar o uso dun espazo municipal e sinalan que o Goberno do Sr. Negreira considera que as dependencias municipais son unicamente súas, un coto privado de caza para uso e disfrute dos seus.

Con esta decisión, o Goberno municipal non só se equivoca, amosándose tal e como é, caprichoso e excluínte no uso dos bens que son de todos, senón que, ademais, actúa ilegalmente e con posíbel vulneración dos dereitos fundamentais dos concelleiros e concelleiras da oposición. A norma aplicábel, salienta o BNG é clara: é o artigo 28 e a xurisprudencia que a interpreta e aplica. Porén, o BNG e o resto dos grupos con representación na Corporación Municipal reuniranse como sexa e onde sexa mañá xoves co Comité de Empresa de Albada.

O BNG considera que o Goberno municipal é cómplice e servil con Albada

Pola outra banda, as nacionalistas consideran intolerábel e inadmisíbel o desleixo, a pasividade e a inhibición do Goberno municipal no conflito laboral creado por Albada, cando o Goberno debe esixirlle á empresa concesionaria que cumpra as súas obrigas e recicle, xa que en Nostián apenas se recicla o 5% dos refugallos que entran na planta. Insisten as nacionalistas en que Albada é unha concesionaria que está a desangrar o Concello e a cidadanía por un servizo ficticio.

O BNG acusa o Goberno municipal de ser cómplice de Albada, que quere incrementar os seus beneficios por conta de recortarlles os dereitos laborais aos traballadores. De feito, a empresa rexistrou un incremento na facturación do canon do lixo no primeiro trimestre do 2013 en máis de 100.000 euros respecto do mesmo trimestre do 2012, uns cartos que proceden dos petos do pobo a pesar da estafa social da reciclaxe. Ademais, o grupo ao que pertence, Urbaser acadou máis de 146 millóns de euros en beneficios no 2011.

As nacionalistas poñen de manifesto que non é a primeira vez que o Goberno municipal mantén unha actitude servil con Albada. De feito, despois de que os traballadores denunciaran que en Nostián apenas se recicla, as nacionalistas solicitaron o acceso á planta e o Goberno municipal impediulles a entrada. Tamén lle impediu ao BNG o acceso aos resultados da auditoría económica e medio ambiental.

O PP considera o pazo de María Pita un "coto privado"