O PP aproba en solitario uns orzamentos que renuncian a crear emprego e a adecentar os barrio

O PP aproba en solitario uns orzamentos que renuncian a crear emprego e a adecentar os barrio

Xosé Manuel CarrilA Coruña, 23 de decembro de 2013.- Na sesión plenaria desta mañá, o Partido Popular aprobou en solitario, e co voto en contra do BNG, os orzamentos municipais de 2014, unhas contas que renuncian a impulsar o investimento produtivo e social, a favorecer que descenda o número de persoas que se atopan no desemprego e a atender as necesidades primarias dos barrios. Precisamente, as reclamacións presentadas BNG aos orzamentos municipais estaban encamiñadas a impulsar o investimento produtivo, aquel capaz de xerar emprego, a diminuír o paro e a acometer melloras básicas dos barrios. Porén, o Partido Popular botou abaixo todas as reclamacións das nacionalistas.

O portavoz do Grupo Municipal do BNG sinalou, na súa intervención, que os orzamentos municipais de 2014 renuncian a inxectar cartios aos investimentos produtivos, que son os que crean riqueza e postos de traballo. Apuntou que mentres o investimento real cae a 29,8 millóns de euros, o 12,2% dos créditos totais consignados, a contratación en asesorías e externalización de servizos subiu en 1,32 millóns e subiron tamén os gastos en transferencias de capital á Autoridade Portuaria para o túnel da Mariña, 4 millóns consignados, e mais os gastos en transferencias correntes para a subvención da Compañía de Tranvías, 7,5 millóns consignados. Ademais, denunciou que aumentaron os gastos en festas, espectáculo e turismo, 9,5 millóns consignados, e os gastos derivados de empréstitos bancarios, 14,6 millóns consignados. Estes últimos, apuntou, pretenden financiar caprichos do PP, como o túnel do Parrote, 3 millóns nos orzamentos de 2013, e o túnel da Mariña.

Carril criticou que as prioridades dos orzamentos non sexan nin a creación de emprego nin os servizos sociais. Puxo como exemplo que máis da metade das partidas de Emprego e Turismo van destinadas a turismo, 4,5 millóns dun total de 8,5 millóns. Sinalou, tamén, que o suposto crecemento dos orzamentos de Servizos Sociais dun 1,6% queda anulado e con saldo negativo polo convenio asinado entre o Concello e a Xunta de Galiza. Lembrou, ademais, que os orzamentos de Servizos Sociais eliminan a partida de axudas á cooperación internacional e que conxelan a partida de emerxencia social.

As reclamacións formuladas polo BNG

A continuación, Carril debullou as reclamacións presentadas polo BNG aos orzamentos municipais, todas elas rexeitadas polo PP. O Bloque solicitaba que non aumentasen os gastos na partida Outros traballos realizados por outras empresas e profesionais, na partida Estudos e traballos técnicos, na partida Transferencias correntes a consorcios (en concreto a do Consorcio de Turismo) e na partido do IMCE. Tamén reclamou o BNG eliminar a transferencia de 4 millóns de euros á Autoridade Portuaria para o túnel da Mariña. En cambio, o Bloque propuña aumentar as partidas destinadas aos programas de acción social, a promoción social, á asistencia de persoas dependentes, ao fomento do emprego, a educación preescolar e primaria, a servizos complementarios de educación, a bibliotecas e arquivos e mais a comercio. Fixo especial fincapé nas reclamacións derivadas das reunións que mantivo o Bloque con distintas entidades veciñais que lle propuxeron as necesidades e demandas dos barrios.

Así, o portavoz do Grupo Municipal do BNG citou exemplos de propostas das xuntanzas mantidas na Agra do Orzán; nos Castros; en Bens; nos Rosales; nos Mallos; en Visma; en Novo Mesoiro, Mesoiro e Vío; no Castrillón; en Monte Alto; no Birloque, o Martinete e Someso; en Labañou; en Eirís; no Ventorrillo, Cances, A Moura e Penamoa; en Palavea; en Feáns; na Cidade Vella; en San Vicenzo de Elviña e en Nostián. Neste contexto, puxo de manifesto que “os orzamentos de 2014 non son os orzamentos da veciñanza, son os orzamentos do Partido Popular de Carlos Negreira”.

O BNG non vai de paseo aos barrios, o BNG está nos barrios

En resposta ao Goberno municipal, Carril exclamou que “o BNG non vai de paseo aos barrios, está nos barrios e reúnese coas directivas das asociacións veciñais. Non facemos como vostedes, que só van de paseo acompañados por militantes do Partido Popular”. “Os veciños e veciñas están agardando a seren consultadas, están agardando por eses orzamentos participados e participativos”, engadiu.

Na mesma liña, o portavoz do Grupo Municipal do BNG lamentou que o PP desoíra as necesidades dos barrios e que teimara na idea de destinar todo o investimento público nunha zona concreta da cidade, no Parrote e na Mariña, creando un centro moi específico e unha periferia. “Dentro de pouco, imos poder andar descalzos no Parrote e na Mariña mentres que aos barrios teremos que ir con canoas e botas, dada a degradación á que someten os barrios”, concluíu.

O PP aproba en solitario uns orzamentos que renuncian a crear emprego e a adecentar os barrio