O porto exterior da Coruña: saída ao mar sen entrada á terra

O porto exterior da Coruña: saída ao mar sen entrada á terra

O BNG insiste en que a aposta do Partido Popular pola conexión ferroviaria do porto exterior non pode limitarse a un estudo.

O PP non dedicou nin un céntimo á conexión de Punta Langosteira por camiños de ferro nos orzamentos xerais de 2014 e ademais botou abaixo a emenda parcial de 9 millóns de euros presentada polo BNG para garantir a comunicación ferroviaria

O Grupo Municipal do BNG insiste en que a aposta do Partido Popular desde o Ministerio de Fomento pola conexión ferroviaria do porto exterior non pode limitarse a un estudo e acusa o Sr. Negreira de cómplice por permitir que os orzamentos xerais do Estado para 2014 non recollesen ningunha partida para a execución da conexión ferroviaria.

A partida orzamentaría do Estado ascende a 0,00 €

O BNG da Coruña lembra que os orzamentos de 2014 recollen 0 euros na partida “Conexión ferroviaria da Coruña co porto exterior da Coruña”, malia que o BNG presentou no Congreso dos Deputados unha emenda parcial -botada abaixo por representantes do PP pola Coruña, como Juan de Dios Ruano- para dotala con 9 millóns de euros, e que nos orzamentos de 2013 esta mesma partida estaba dotada con 50.000 euros para a realización dun estudo.

O Bloque Nacionalista Galego critica que o Partido Popular centrase todo o investimento no porto exterior nos accesos viarios e deixase sen dotación a conexión ferroviaria. “As palabras de onte da Ministra de Fomento, Ana Pastor, referíndose unicamente ao estudo orzamentado para 2013, demostran que o Partido Popular non ten interese ningún en conectar o porto exterior de Punta Langosteira mediante o ferrocarril, malia que a ausencia desta infraestrutura lle fixo perder contratos con empresas interesadas en instalarse alí e malia que o presidente da Autoridade Portuaria tamén a demanda ano tras ano”.

1.700 traxectos de camión por canto só 30 viaxes de ferrocarril

O BNG cualifica de “imprescindíbel” a conexión por ferrocarril para garantir a operatividade de Punta Langosteira, sinaladamente, no que respecta ao transporte de graneis, xa que a conexión unicamente viaria supón un elevado custo económico para as empresas que alí se instalan pois, por exemplo, o traslado do clínker a Langosteira requiriu de 1.700 traxectos de camión, cando podería realizarse con só 30 viaxes de ferrocarril.

O porto exterior da Coruña: saída ao mar sen entrada á terra