A policía interrompe un acto do BNG-Asembleas Abertas sobre memoria histórica e identifica a Carril

A policía interrompe un acto do BNG-Asembleas Abertas sobre memoria histórica e identifica a Carril

fotoA Coruña, 10 de maio de 2015.- A policía nacional e a policía local interromperon na mañá de hoxe o acto sobre memoria histórica convocado polo BNG-Asembleas Abertas. Os axentes identificaron candidato nacionalista, Xosé Manuel Carril, por simplemente colocar un folio co nome “Fonte de Santo André” debaixo da placa da rúa nomeada “General Mola” como un xeito simbólico de reivindicar o cumprimento da Lei da Memoria Histórica. “O General Mola non nos mola, senón que nos amola”, chanceou Carril antes da chegada dos axentes da policía.

En declaracións aos medios antes de dar comezo o acto, o candidato nacionalista puxo de manifesto que “co BNG-Asembleas Abertas, A Coruña deixará de ser capital da simboloxía franquista”. Nesta liña, Carril chamou a recuperar a nosa memoria, “pois non pode entenderse o presente e construír o futuro se ignoramos o pasado”. Así, entre moitas outras actuacións, o nacionalista sinalou que o BNG-Asembleas Abertas fomentará a investigación da historia da Coruña como cidade galega universal e porá en valor o importante paso cara ao autogoberno que significaba o Estatuto do 36, así como o importantísimo papel que xogou o nacionalismo representado polo Partido Galeguista. Na mesma liña, anunciou que o BNG-Asembleas Abertas potenciará a celebración do Día da Galiza Mártir, o 17 de agosto, e mais a celebración do 28 de xuño, data de aprobación do Estatuto no plebiscito de 1936.

Ademais, Carril explicou que froito das achegas realizadas pola Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, o BNG-Asembleas Abertas recolle no programa que executará unha vintena de propostas encamiñadas á supresión da simboloxía franquista. Referiuse, a continuación, á necesidade de cumprir o acordo plenario de 7 de setembro de 2009 e apelou a retirar o escudo franquista da vidreira da escaleira municipal do pazo de María Pita, un escudo ilegal desde 1987.

IMG_20150510_125251A retirada da galería de retratos dos alcaldes franquistas de María Pita, a mudanza dos nomes das rúas e a supresión da distinción honorífica de fillos adoptivos a Manuel Fraga, concedida en 1968, e a outros franquistas e o cambio de nome dos colexios relacionados co franquismo son outras das medidas que adoptará o BNG-Asembleas Abertas no goberno, tal e como salientou Carril.

Pola outra banda, o candidato do BNG-Asembleas Abertas anunciou unha batería de actuacións encamiñadas a dignificar a todas as persoas que foron represaliadas e as que foron vítimas da ditadura. O BNG-Asembleas Abertas apoiará, ademais, a querela arxentina para que se xulguen os crimes contra a humanidade, que non prescriben, cometidos durante o franquismo e solicitará a derrogación da Lei de Amnistía de 1977.

Fernando Souto: “Queren seguir conservando o medo”

foto 2Pola súa banda, Fernando Souto, número 8 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, preguntou “que acto meritorio fixo o General Mola para merecer o nome dunha rúa?”. El mesmo respondeu “este home deu a orde de que a violencia debía ser extrema e que debían ser fusiladas as persoas que non pensasen coma os franquistas. Fernando Souto, que é o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, lembrou que Mola foi un dos organizadores do golpe estado 1936.

O candidato nacionalista e activista da memoria histórica reivindicou “espazos de convivencia e non lugares onde se honra e se distingue persoas franquistas”. Acusou os que queren seguir mantendo a simboloxía franquista de querer manter o medo, pero, citando a Carril, Fernando Souto berrou que o pobo “non ten medo, temos fame”.