Que pasa coa finca de 8.000 m2 do Birloque?

Que pasa coa finca de 8.000 m2 do Birloque?

Presentamos unha batería de preguntas (preme aquí para velas) interesándonos pola finca abandonada no barrio do Birloque, á altura da empresa Auto Avión.

Interesáminos pola finca abandonada entre a rúa Manuel Ferrol, rúa Juan Darriva e a estrada do Birloque

Zona do valado a altura da rúa Juan Darriba

Entre a rúa Juan Darriba, rúa Manuel Ferrol e estrada do Birloque-Martinete atópanse unha serie de solares cunha superficie aproximada de 8.000 metros cadrados, todos eles conformando unha única finca, e, en grande parte no seu perímetro, pechada mediante un valado metálico (unicamente nun tramo de aproximadamente 10 metros na rúa Manuel Ferrol non existe este valado).

No cruce entre a rúa Manuel Ferrol coa estrada do Birloque-Martinete, colocado sobre o valado, atópase un cartel con información a respecto da actuación a realizar neste solar, información que indica unha licenza de obra e cuxa actuación referida foi autorizada para o 18 de xullo do ano 2008 cun prazo de execución de 6 meses.

Presentamos varias iniciativas a respecto da situación destes solares, de aproximadamente 8.000 m2 no seu conxunto, e propomos actuacións inmediatas para previr calquera risco

Rúa Manuel Ferrol sen parte do valado

Coa iniciativa amosamos que na actualidade os solares presentan un estado de abandono, con vexetación que está xa invadindo a zona exterior da finca, superando a separación física, mesmo impedindo o tránsito polas beirarrúas, e incluso, implantándose nas propias beirarrúas, tal e como acontece na rúa Manuel Ferrol.

Entendemos que esta situación, que supón un risco evidente, necesita dunha actuación inmediata e improrrogábel, esixíbel ás persoas propietarias dos solares, en aplicación das ordenanzas municipais correspondentes, e en prevención de focos de infección, de aparición de animais e insectos, prevención de incendios, ou de calquera outra incidencia que puidera causar danos a veciñanza da zona.

Por outra banda, o valado exterior perimetral, que se atopa nun estado de deterioro avanzado, foi colocado no seu día sen respectar uns mínimos criterios de accesibilidade, existindo algún tramo de separación entre a calzada e o propio valado, por riba das beirarrúas, inferior a medio metro, ou incluso, sen respectar pasos para peóns.

Na actualidade a vexetación supera ao valado perimetral, invadindo as beirarrúas e a calzada da contorna e esiximos que o Goberno municipal faga cumprir as ordenanzas de limpeza

Parte final da rúa Manuel Ferrol, á altura da estrada do Birloque, coa vexetación xa invadindo a beirarrúa

É por todo isto que na nosa iniciativa preguntámoslle ao Executivo local que tendo en conta a época estival na que estamos, e a urxencia coa que se debe realizar estes traballos de limpeza para a prevención de calquera incidencia, se ten pensado ordenar ás persoas ou entidades propietarias destes terreos o facer unha roza e limpeza integral nas fincas, e se en caso de que as persoas ou entidades propietarias destes terreos non procedan a realizar esta roza, que actuacións pensa realizar o Goberno municipal, incluído o ordenar realizar a roza e limpeza ás empresas concesionarias dos servizo públicos municipais.

Tamén interesámonos a respecto das obras que se indican que se ían realizar nos solares, inquiríndolle ao Goberno municipal sobre se foron executadas as actuacións sinaladas na licenza de obra que aparecen no cartel, se foron executadas por que permanece o valado perimetral, e, se non, aclarar cal é a situación actual da finca e dos solares que abarca.

Por último, e respecto da accesibilidade en toda a contorna, a propia estrada do Birloque e a rúa Manuel Ferrol e Juan Darriba, queremos saber se se ten pensado emprender algunha actuación a respecto da situación do valado, tanto pola súa situación de deterioro como pola súa colocación sen respectar a accesibilidade, que tipo de actuacións e para cando, e se van realizar labores de limpeza e roza nas beirarrúas que xa teñen ocupado o seu espazo por vexetación, sobre todo na rúa Manuel Ferro.

A Coruña, 8 de xullo de 2016