Os orzamentos de 2015 reducen a cultura e afogan o sector do libro

Os orzamentos de 2015 reducen a cultura e afogan o sector do libro

A Coruña, 17 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os orzamentos municipais de 2015 reducen a cultura e afogan máis os libreiros e libreiras da cidade. A este respecto, as nacionalistas denuncian que a Agrupación de Libreiros e Libreiras, que desde hai moitos anos organiza a Festa do Libro, na que tamén participaba unha ducia de librarías da cidade, está a ver caer a axuda que recibe do Concello desde que o Sr. Negreira é alcalde da Coruña. Así, dos 10.300 euros que a agrupación obtiña do Concello da Coruña nos orzamentos de 2011, derradeiras contas do anterior goberno, a axuda caeu a 4.000 euros.

Unha vez coñecidos os orzamentos de 2014, o Grupo Municipal do BNG denunciara que o Goberno do Sr. Negreira estaba a poñer en risco a Festa do Libro, ao concederlle só 4.000 euros á Agrupación de Libreiros e Libreiras. As nacionalistas non estaban desencamiñadas, pois neste 2014 só saíron á rúa cinco librarías. Fronte á denuncia do Bloque e as protestas da Agrupación todo facía indicar que o Goberno municipal rectificaría a súa postura. Porén, máis un ano, a Agrupación de Libreiros e Libreiras contará tan só con 4.000 euros, unha cantidade claramente insuficiente que representa o “tiro de gracia” á Festa do Libro.

Ano a ano, o Goberno do Sr. Negreira fai diminuír as partidas destinadas a mercar prensa, revistas, libros e outras publicacións

O ataque do Goberno do Sr. Negreira ao sector do libro non se manifesta só no escaso convenio coa Agrupación de Libreiros e Libreiras. Tamén se evidencia, salientan as nacionalistas, na diminución das partidas da Concellaría de Cultura e da Concellaría de Servizos Sociais destinadas a mercar prensa, revistas, libros e outras publicacións, partida que caeu un 30%, pasando dos 174.256 euros consignados nos orzamentos de 2011 (tendo en conta que había unha biblioteca menos, a do Ágora) aos 125.000 euros consignados nos orzamentos de 2015.

A Xunta exclúe o Concello da Coruña das axudas para a compra de libros

O Grupo Municipal do BNG denuncia que, mentres o Concello rebaixa a partida para a compra de libros, tamén a Xunta de Galiza está a reducir significativamente as achegas ás bibliotecas para mercar libros. O problema, alertan as nacionalistas, agrávase de cara ao ano que entra, xa que o Concello da Coruña non poderá dispoñer da subvención que lle outorgaba a Xunta de Galiza. Froito da orde de 23 de setembro de 2014, o Goberno de Feijóo impídelles concorrer a estas axudas aos os concellos con poboación igual ou superior a 30.000 habitantes.

Tendo en conta a exclusión do Concello da Coruña da liña de axudas da Xunta de Galiza para a compra de libros, en 2015 as bibliotecas da Coruña van dispoñer dunha menor partida global para a compra de libros, o que se traduce nun grave prexuízo para as persoas usuarias das bibliotecas municipais, que terán á súa disposición un menor número de novidade, e para as librarías, pois as bibliotecas municipais e os centros cívicos son un dos principais clientes das librarías nos distintos barrios.

Por último, o Grupo Municipal do BNG advirte de que, mentres isto sucede, o Partido Popular no Goberno do estado impón o canon bibliotecario (cuxo impacto non recollen os orzamentos de 2015). Á vez, as nacionalistas critican que no derradeiro orzamento deste goberno non hai nin rastro de intención de construír unha nova biblioteca. Desde que o PP chegou ao Goberno Municipal, lembran, ten no seu haber tentar pechar unha biblioteca (a da AVV do Monte Alto), diminuír de xeito continuado as partidas destinadas á compra de libros e minguar a achega á Agrupación de Libreiros para a organización da festa do libro.

Os orzamentos de 2015 reducen a cultura e afogan o sector do libro