A ocultación das solicitudes das hortas urbanas demostra o mal funcionamento da inscrición

A ocultación das solicitudes das hortas urbanas demostra o mal funcionamento da inscrición

A Coruña, 30 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG salienta que a ocultación das solicitudes para acceder ás hortas urbanas demostra que o procedemento de inscrición non funcionou de maneira correcta. É significativo que o Goberno do Sr. Negreira agochara intencionadamente o número de solicitudes recibidas para o acceso ás hortas na documentación aprobada na Xunta de Goberno Local do día de onte e na que se acordou ampliar o prazo de presentación até esgotar o total de hortas urbanas.

O informe-proposta do expediente aprobado en Xunta de Goberno Local, que nin sequera ocupa páxina e media, omite en todo o momento o número de inscricións recollidas até o 10 de setembro (data límite de presentación) e tan só se di ao respecto que “a data actual, o número de solicitudes presentadas é inferior ao número total de hortas dispoñíbeis”. Ante esta supresión, o Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a clarexar cal foi o número exacto de solicitudes presentadas até o 10 de setembro.

As nacionalistas lembran que as bases que regulan a convocatoria para a concesión das autorizacións de uso das hortas urbanas de Novo Mesoiro, que foron aprobadas por acordo da Xunta de Goberno en data de 28 de xullo de 2014, divide en catro grupos as categorías de solicitantes: I. As persoas con ingresos anuais menores que o 75% do IPREM; II. Xubilada/os e xubilados maiores de 65 anos; III. Adultos maiores de 30 anos e IV. Mozos de entre 18-30 anos. Estas mesmas bases estabelece que as 89 hortas serán distribuídas de forma proporcional ao número de solicitantes de cada categoría.

As bases recollen a reserva dun mínimo de 20 hortas para as persoas solicitantes do grupo I, dúas hortas para a práctica de actividades de educación ambiental promovidas polo Concello e dúas hortas para proxectos de asociacións, colectivos, centros educativos ou culturais vinculados a Novo Mesoiro. A modificación aprobada en Xunta de Goberno Local no día de onte, amais de prorrogar o prazo de presentación, acorda ampliar estas reservas “até esgotar o total de hortas dispoñíbeis”.

O BNG, que reclama o acceso gratuíto ás hortas, ve inmoral e ilóxico facerlle pagar 50 euros de inscrición ás persoas que cobran ao redor de 530 euros ao mes

O Grupo Municipal do BNG relacionou no día de onte a falta de solicitudes co prezo das hortas urbanas. A Ordenanza Fiscal nº43 estabelece como tarifa xeral de acceso ás hortas un total de 25 euros ao mes e unha cota de inscrición de 50 euros. Ademais, contempla unha tarifa social que comporta unha cota de inscrición de 50 euros. Esta cota social aplícaselles ás persoas que acrediten uns ingresos anuais inferiores ao 75% do IPREM, que en 2014 está fixado en 7.455,14 euros ao ano no caso de ter 14 pagas ou en 6.390,13 euros ao ano no caso de ter 12 pagas. O BNG, que volve reclamar que as hortas urbanas sexan de balde, salienta que resulta inmoral e ilóxico facerlle aboar 50 euros (cartos que se suman aos gastos de desprazamento ás hortas de Novo Mesoiro, ao custe dos aparellos de labranza e ás sementes) ás persoas que cobran ao redor de 530 euros ao mes.

A ocultación das solicitudes das hortas urbanas demostra o mal funcionamento da inscrición