De novo os tribunais confirman que a denegación de licenzas en Sto Amaro era correcta

De novo os tribunais confirman que a denegación de licenzas en Sto Amaro era correcta

A Coruña, 3 de outubro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG salienta que de novo os tribunais confirman que a decisión do Goberno anterior, como non podía ser doutra maneira, de denegar as licenzas de obras en Santo Amaro era correcta, algo sobre o que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa se ten pronunciado, confirmando que o Goberno Local anterior actuara correctamente.

A Xunta de Goberno Local tomou na mañá de hoxe coñecemento de dúas concretas sentenzas sobre o tema. A primeira é a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº3 da Coruña no recurso contencioso administrativo número PO174/2011, contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 25 de febreiro de 2011 que denega a licenza de obras para construír un edificio de 18 vivendas e garaxes na parcela C-2 do Polígono APE H2-01 da Agra de Santo Amaro. E a segunda é a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 da Coruña no recurso contencioso administrativo número PO 179/2011, contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 25 de febreiro de 2011 que denega a licenza de obras no Polígono APE H2-01 da Agra de Santo Amaro. Nas dúas sentenzas citadas, desestímanse os recursos das promotoras contra as resolucións do Concello da Coruña de febreiro de 2011.

Deste modo, a xustiza confirma, sen prexuízo de que se poida recorrer, a legalidade da decisión do Goberno Local anterior, do que formaba parte a formación nacionalista, de denegar as licenzas para construír en Santo Amaro, pondo de manifesto que o estipulado no artigo 104 da LOUG prevalece sobre o planeamento vixente naquel momento, que era o PXOM de 1998 e os Estudos de Detalle de 2001 e 2002.

Sobre esta cuestión xa se ten pronunciado o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que confirma a legalidade da decisión do Goberno Local anterior de denegar as licenzas (Sentenzas 153/2014, de 20 de febreiro de 2014 e 196/2014 de 27 de febreiro de 2014).

De novo os tribunais confirman que a denegación de licenzas en Sto Amaro era correcta