Non hai motivo de alegría: o bus da Coruña segue a ser dos máis caros do Estado

Non hai motivo de alegría: o bus da Coruña segue a ser dos máis caros do Estado

busA Coruña, 18 de outubro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Sr. Negreira e os membros do seu goberno non poden estar contentos coa conxelación das tarifas do bus urbano anunciadas para o 2015, ano electoral, pois aínda conxeladas, as tarifas do bus seguen a ser das máis caras do Estado español. As subas aprobadas polo Goberno municipal do Sr. Negreira nos tres últimos anos levaron a OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) a publicar un estudo que inclúe A Coruña na cabeza da listaxe de cidades do Estado español co bus máis caro, xunto con Madrid, Huesca, Alicante e Vigo.

As nacionalistas advirten de que a conxelación é claramente insuficiente. Tomando como referencia o actual mes de outubro, unha persoa que suba ao bus dúas veces ao día en xornadas laborábeis (un total de 46 viaxes de ida e volta) paga 59,80 euros co billete xenérico, 39,10 euros co bonobús ordinario; 15,18 euros co bonobús social e 13,80 euros co bonobús universitario. Ademais, o BNG sinala que segue a ser máis caro viaxar en bus de Porta Real á Praza de Ourense (0,85 céntimos co bonobús ordinario) que da Coruña a Oleiros (0,84 céntimos co bonobús metropolitano ordinario).

Poderíase conxelar ou mesmo baixar o billete sen mermar as nóminas dos traballadores e por conta dos beneficios económicos da empresa, mais para iso habería que revisar a concesión

As nacionalistas poñen de manifesto que é posíbel conxelar e mesmo baixar as tarifas sen que isto lle prexudique ás nóminas dos traballadores. Pódese facer, expoñen, por conta dos beneficios económicos da Compañía de Tranvías, que en 2013, segundo as contas económico-financeiras da empresa, ascenderon a 4.846.892,73 euros. Porén, para isto, habería que revisar a concesión da Compañía de Tranvías, en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña, algo no que vén insistindo o BNG nos últimos anos.

As nacionalistas tamén insisten na necesidade de revisar a fórmula para o cálculo do billete, xa que, de non facerse, nada impediría que as tarifas do bus volvesen subir en 2016, incluíndo a suba que correspondería en 2015 se non se conxelasen as tarifas.

Non hai motivo de alegría: o bus da Coruña segue a ser dos máis caros do Estado