Malia as graves irregularidades nun proceso de contratación, o Goberno local non prevé tomar medidas

Malia as graves irregularidades nun proceso de contratación, o Goberno local non prevé tomar medidas

plenoA Coruña, 6 de outubro de 2014.- Malia as graves irregularidades advertidas polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, que tombou o proceso de licitación dun contrato de servizo de Conserxaría e outros servizos de natureza polivalente para o funcionamento do Centro Cívico do Castrillón e Unidades de Atención Social de Catro Camiños e Monte Alto, o Goberno do Sr. Negreira, que se ve na obriga de repetir o proceso, non aclarou esta mañá na sesión plenaria se vai corrixir a súa actuación en procedementos de contratación posteriores nin se vai abrir un expediente de investigación municipal. Así, á pregunta oral formulada polo portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, que se interesaba polas medidas que pensaba adoptar o Goberno local ante a resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais en relación á resolución de 8 de setembro de 2014, o Goberno do Sr. Negreira limitouse a dicir que vai repetir o proceso.

Deste xeito, o Goberno municipal renunciou a aclarar hoxe en pleno se vai corrixir a súa actuación en procedementos de contratacións posteriores, tal e como lle reclama o BNG. E é que as irregularidades advertidas neste proceso de licitación –pouca concreación nos requirimentos do prego e a forma de valoración das proposicións- non son ailladas, xa que se dan en similares procedementos de contratación do Concello.

Tampouco aclarou en pleno o Goberno municipal se vai proceder á apertura inmediata dun expediente de investigación municipal –información reservada previa a, no seu caso, apertura de expediente disciplinario e, se proceder, derivación de responsabilidade penal-, tendo en conta que o propio Tribunal se sorprende das relacións directas de comunicación entre as empresas e os técnicos, tal e como recollía o Grupo Municipal do BNG en nota de prensa de 25 de setembro de 2014.

Malia as graves irregularidades nun proceso de contratación, o Goberno local non prevé tomar medidas