Jorquera: "A soberanía, termos capacidade de decisión, é unha cuestión de supervivencia"

Jorquera: "A soberanía, termos capacidade de decisión, é unha cuestión de supervivencia"

A Coruña, 16 de xullo de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, participou no acto público convocado polas nacionalistas da Coruña polo Día da Patria, unha campaña que está a percorrer os barrios da cidade para expór a necesidade de que as galegas decidamos por nós mesmas. Precisamente, a soberanía centrou a intervención de Jorquera, que estivo precedido polo responsábel do grupo de barrio do BNG na Agra do Orzán, Antón Laxe, pola responsábel local de Galiza Nova, Alba Sánchez e por dúas persoas estafadas pola fraude das preferentes.

O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza salientou ao pé do mercado das Conchiñas que “a soberanía, termos capacidade de decidir, é unha cuestión de supervivencia, máxime cando o noso país está a vivir un proceso acelerado de destrución da economía, froito, na meirande parte dos casos, de decisións políticas”. Puxo como exemplo da necesidade de termos decisión a crise que sofre o sector naval.

“A soberanía é a ferramenta fundamental para termos o control real da nosa economía e para defender os nosos recursos en pé de igualdade”, afirmou. “A soberanía é fundamental para que os galegos e galegas poidamos vivir e traballar na nosa terra”, engadiu o portavoz parlamentar do BNG

Mentres Noruega pode defender a súa pesca e o naval, estes sectores esmorecen en Galiza por carecermos de capacidade de decisión

Nesta liña, Jorquera salientou a importancia de ter un poder político propio, “un poder político que defenda a economía do país e que negocie, en función dos intereses do país, noutras instancias”. Sinalou que Noruega, que non forma parte da Unión Europea, mais que ten tratados comerciais coa UE, defende o seu sector pesqueiro e o naval e conta, cada vez, con maior cota de mercado.

Pola contra, advertiu de que Galiza, que si forma parte da UE pero que non ten poder político propio, non pode defenderse en pé de igualdade e ve como os seus sectores produtivos esmorecen. “Téndomos un poder político propio, poderiamos defender a nosa economía en pé de igualdade”, insistiu.